fbpx
Posible altar ritual con petróglifos en Láncara / Colectivo Patrimonio dos Ancares

Patrimonio dos Ancares di ter atopado un altar ritual con petróglifos en Láncara

Tempo de lectura: 4 min.

Dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares vimos de comunicar ao Servizo de Xestión Cultural da Xunta de Galicia a existencia
dunha pena cuns máis que interesantes petróglifos no concello de Láncara. A súa descuberta débese ao veciño da Veiga de Anzuelos, Xoán Carlos Laxe, quen os localizou na primavera do ano 1986. Si, hai trinta e tres anos! A pesares de que o achado o puxo daquelas en coñecemento de varios organismos públicos para que se interesaran por eles, estes, simplemente, e como se di de forma coloquial, pasaron olimpicamente.

Hai uns días, Xoán Carlos púxose en contacto con nós para visitar o lugar e para, ademais de estudar a pena coas gravuras, encargarnos de facer as xestións ante Patrimonio para que os catalogaran e incluíran no Inventario de Bens Culturais de Galicia. Na visita tivemos a fortuna de contar co investigador David Outeiro que leva anos estudando as relacións, na antigüidade, de Galicia con outras culturas europeas do arco atlántico.

Guiados por Xoán Carlos e a súa irmá María Josefa, encamiñámonos ata o monte Carballedo, situado a 620 metros de altitude, por riba da aldea de Prédez, na parroquia de Vilarello, concello de Láncara.

Petróglifo atopado en Láncara / Colectivo Patrimonio dos Ancares

Pía de 20 centímetros

A pesares das explicacións que previamente nos deu Xoán Carlos, a verdade é que non esperabamos atoparnos co que nos atopamos. Nunha parte chaira do monte emerxe unha pena de lousa, de forma irregular e coa parte superior totalmente horizontal, cunhas medidas aproximadas de 7 x 5 metros. Polas caras sur-oeste e leste, a pena está cortada verticalmente, cunha altura
aproximada de 1,70 metros. Sobre a parte horizontal foi insculpida unha pía duns 20 cm de diámetro da que parte unha canle, tamén de factura artificial, que discorre ata o final da pedra. A un metro da anterior vense tres pequenas cazoletas semiesféricas aliñadas entre si. Se esta parte horizontal da pena xa se manifestou interesante, a sorpresa levámola cando vimos a parte vertical. Na cara sur-oeste, insculpidas na pedra, saltan á vista tres gravados separados entre si e perfectamente aliñados. O primeiro, un círculo con coviña central do que parte un apéndice ou canle.

O terceiro, unha combinación circular de dous círculos concéntricos con coviña central da que tamén parte unha canle. O segundo, que era o máis grande, foi repicado séculos despois, con toda probabilidade para eliminalo por considerarse como un símbolo pagano, feito que denuncia a tosca cruz gravada ao seu carón para cristianizar o lugar. Na parte vertical situada cara o leste localizamos, a maiores, tres coviñas aliñadas duns dous centímetros de diámetro e situadas por riba doutras tres cazoletas,
aliñadas tamén e perfectamente definidas, duns sete centímetros de diámetro. Distribuídas por ambas partes verticais, obsérvanse, ao menos, unha ducía de pequenas coviñas dun centímetro de diámetro, aliñadas de tres en tres. Chama poderosamente a atención que todos os motivos aliñados de tres en tres. Casualidade? Evidentemente, non.

Cal é o significado destes petroglifos?

Ao tratarse dunha arte simbólica, son para nós, en principio, de natureza inintelixible e co único que xogamos son con hipóteses xa que este sistema de comunicación desapareceu xunto coas persoas que os xeraron, mesmo cabe a posibilidade de que o seu significado só sería comprensible por determinados membros daquela sociedade. Malia o anterior, crese que as coviñas e cazoletas serían utilizadas como recipientes para ofrendas, lugares para recoller a auga que se usaría nalgún tipo de ritual, receptáculos para sacrificios, símbolos de carácter sexual feminino relacionados coa fertilidade, delimitadores de lugares sagrados ou máxicos, etc. Canto aos círculos, como no caso das coviñas, trátase duns motivos enigmáticos, sendo obxecto de varias interpretacións: representacións do sol, ofrendas votivas, etc.

Posible altar con petróglifos atopado en Láncara / Colectivo Patrimonio dos Ancares

Tamén nos sorprendeu que a maioría dos gravados foran feitos na cara vertical. E existe outra singularidade. Cando Xoán Carlos descubriu o sitio, varias laxes fincadas no chan (que na actualidade aínda se poden ver esparexidas polo lugar), e formando un semicírculo, pechaban a parte vertical da pena. En Galicia, as penas verticais con gravuras cóntanse cos dedos dunha man. Pola forma da pena e pola disposición dos motivos, cremos que podemos estar diante dun altar onde se practicaba algún tipo de ritual.

Pedra da serpe

Para ir finalizando, dicir que nas inmediacións deste enigmático lugar atópase a coñecida como a Pedra da Serpe. Cóntase que había unha gran serpe alada que atacaba ás vacas para devoralas, de feito, a xente da zona non pasaba por alí por medo a perder o gando. E a uns cen metros está o castro do Monte das Penas, o que amosa que a zona foi obxecto dunha longa ocupación, tendo en conta que os petroglifos teñen unha antigüidade duns 4.000 anos, e o castro duns 2.000.

Ata o momento, en Láncara, segundo o PXOM do Concello e a Xunta de Galicia, só había catalogado un petroglifo, o da Pena do Oso, na parroquia de Armea, lindeiro co municipio de Baralla, formado só por coviñas e dúas letras (S e L) modernas. Por outra parte, aínda que non están catalogados, no ano 2000 foron localizados uns posibles gravados en Armea de Abaixo sobre os que
houbo unha certa polémica entre o cronista de Sarria e os arqueólogos da Xunta de Galicia. O primeiro dicía que se trataba dun marco medieval que noutrora actuou como divisorio entre Láncara e Samos; pola contra, dende Patrimonio aseguraron que se trataba duns petroglifos da Idade do Bronce. A día de hoxe, descoñecemos en que quedou a cousa, tampouco coñecemos a pena.

Sobre os gravados do Monte Carballedo tamén lle solicitamos a Patrimonio que, pola súa singularidade, lle outorguen a máxima protección legal, é dicir, que os cataloguen como Ben de Interese Cultural (BIC). Tamén imos a poñernos en contacto co Concello de Láncara para que, pola súa importancia, os protexan e sinalicen.

Escrito por

Divulgador e investigador do patrimonio. Impulsor do colectivo Patrimonio dos Ancares

Pode que che interese...