fbpx
Cono de violación da mámoa atopada en Negueira de Muñiz e rodeado polo que semella un chozo / Xabier Moure

A mámoa que engulía nas súas profundidades aos que se achegaban a ela

Tempo de lectura: 3 min.

O día 26 de outubro de 2019, os do Colectivo Patrimonio dos Ancares documentamos unha mámoa non catalogada no concello de Negueira de Muñiz. Foi no monte Teso do Espiñeiro, entre as aldeas do Foxo e Vilar, a 650 metros de altitude, a carón dun antigo camiño que comunicaba Vilar con Castelo. Situada nun terreo con vexetación de monte baixo (xestas), ten uns 20 metros de diámetro e unha altura de 1,70 metros.

O que nos chamou poderosamente a atención foi unha estrutura circular feita con pedras de lousa de bo tamaño, duns dous metros de diámetro e dun metro escaso de altura, que ocupa a parte central do túmulo. Estamos afeitos a ver mámoas reutilizadas para chantar marcos, vértices xeodésicos, etc., pero nunca cunha especie de chozo construído no cráter de violación do enterramento (o cráter ou cono de violación, moi común nas mámoas galegas, facíase para buscar os supostos tesouros que agochaban no interior).

Nós tiñamos coñecemento da existencia dunha posible mámoa na zona dende facía anos. O noso informante fora un home de Ouviaño que acostumaba ir á importante feira que se celebraba en Barcela antes de que esta aldea fora tragada polo encoro de Salime a finais dos anos cincoenta do pasado século, e cuxos habitantes foron “reubicados” forzosamente na Terra Chá.

O pozo encantado

O home contáranos que de neno escoitara dicir a un de Vilauxín que debaixo da medorra (nome polo que coñecen por eiquí ás mámoas) estaba o Pozo Negro, e o pozo tiña un encantamento. Del saía unha voz que chamaba a persoas e animais, e cando se achegaban eran engulidos nas súas profundidades, non volvendo a aparecer nunca máis. Os veciños, entón, decidiron facer un alto muro arredor del para, aínda que oíran a voz, ninguén volvera caer dentro. De todos xeitos, tamén nos dixo que outros aseguraban que os muros eran os restos dunha pequena torre de vixiancia para controlar o camiño que ía cara a aldea de Castelo, a menos de 1,5 quilómetros en liña recta, onde puído existir unha fortaleza medieval.

Mámoa atopada no monte Teso do Espiñeiro, en Negueira de Muñiz / Xabier MOure

Á parte as lendas, nós cremos que esta estrutura circular construída sobre a mámoa son os restos dun antigo chozo onde se recollían os pastores. Secularmente, estes montes foron utilizados como lugar de pastoreo para as cabras. De feito, o sitio onde se atopa chámase O Couso, topónimo que, aínda que adoita facer alusión a un depósito de pedra onde se gardan os cereais ou a un foxo para cazar feras selvaxes, tamén se identifica cunha arca ou ucha, nome polo que son coñecidos os dólmenes prehistóricos; o couso ou foxo tamén pode facer alusión ao burato ou cráter de violación do enterramento.

Tres mámoas

No concello de Negueira de Muñiz, con esta nova descuberta, sábese de tres mámoas, dúas documentadas polo noso colectivo. As outras dúas son a do Coto da Lagoa e a da Brañela, no Carballín, de 13 e 16 metros de diámetro respectivamente.

O achado xa foi comunicado ao Servizo de Xestión Cultural da Consellería de Cultura por rexistro electrónico para que procedan á súa catalogación.

Ademais desta medorra, en Negueira de Muñiz hai outros sitios relacionados co sobrenatural. A Pena dos Encantos é un enorme afloramento xistoso situado xunto a aldea de Vilarmeor. Hai quen a cita como un xacemento arqueolóxico, cando non existe evidencia de que apareceran restos que o confirmen. Segundo nos contaron no ano 2013 os veciños don José Marondo, de 93 anos, e don Hortensio, arredor da pena hai a lenda dunha moura que adoitaba aparecerse xunto unha fonte que hai no lugar, encantando a todo aquel que dubidara do seu poder. Don José lembrou que a principios dos anos trinta do pasado século XX uns homes baixaron con cordas pola pena para ver de atopar o tesouro que agocha. Non deron con el.

Escrito por

Divulgador e investigador do patrimonio. Impulsor do colectivo Patrimonio dos Ancares

Pode que che interese...