fbpx
O Castro Lupario, mítica fortaleza da raíña Lupa / Wikipedia

Denuncian que unha liña de alta tensión afectará o Castro Lupario, o gran castro da Raíña Lupa

Tempo de lectura: 2 min.

O Castro Lupario, entre Brión, Rois e Teo, está rodeado de lenda e historia. Tan enigmático é este ben arqueolóxico que os vellos aínda contan que nel viviu a mítica raíña Lupa. E, agora, este castro-fortaleza que domina as primitivas vías de comunicación que unían a Galicia do norte coa Galicia do sur está ameazado por unha liña de alta tensión.

É a denuncia que fan un grupo de veciños de Angueira do Castro e O Sisto, dous núcleos de Rois que están, tamén, cheos de historia. A liña de alta tensión que prevé construír Red Eléctrica de España ameazaría estas aldeas, un tramo da ruta portuguesa do Camiño de Santiago e os bens culturais dos núcleos do Faramello e Francos, entre eles o mítico pazo do Faramello, que aparece nos escritos de Camilo José Cela, Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán.

Mapa do futuro traxecto da liña de alta tensión que afectaría o entorno do Castro Lupario e do Pazo do faramello / remitida

Esta liña, segundo o xestor eléctrico do Estado, uniría as subestacións de Lousame e Tivo, esta última no concello de Caldas de Reis. Pero os veciños din que “non contén unha explicación razoable que acredite a necesidade de creación desta nova liña nin tampouco a traxectoria elixida”.

Forte impacto visual

Nun comunicado remitido a Historia de Galicia denuncian que non foron informados do trazado ata o último momento e que este vulneraría a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia porque, afectaría de forma directa a un ben catalogado pola Xunta, como é o Castro Lupario, e o conxunto histórico-artístico que existe contorna ao devandito patrimonio, entre elas, as aldeas de Faramello e Francos.

Vistas das murallas do Castro Lupario / Wikipedia

O trazado da liña polo Faramello afectaría ao antigo Camiño Real, que coincide, agora, co Camiño Portugués, polo que habería que tallar árbores a ambos os dous lados do mesmo, segundo denuncian os afectados. A liña tamén tocaría o entorno do Castro Lupario, porque se construírian tres grandes torretas na súa contorna, e tamén á aldea de Francos, na que existe un dos cruceiros máis antigos de Galicia e que foi pintado por Castelao.

Estes veciños presentaron xa na Consellería de Industrial unha alegación contra o proxecto, acompañada de preto dun centenar de firmas. No escrito piden que se modifique o proxecto presentado por Red Eléctrica de España, que actualmente está en tramitación, “por non axustarse á legalidade vixente”.

Pode que che interese...