fbpx
Casa do Mitreo en Lugo, antiga Lucus Augusti / foto vilasamuralladas.eu

Que había no Lugo medieval e romano onde hoxe está a catedral?

Tempo de lectura: 2 min.

Crese que o lugar onde hoxe se atopa a catedral de Lugo podería ter sido en época romana un dos barrios de maior relevancia da cidade. Unha zona orientada ó sur, soleada, con vistas sobre o val do Miño, onde estarían localizadas vivendas da xente mais importante da cidade, como xa se apuntou na escavación do reitorado.

Agora tres catas feitas no mes de novembro no claustro da catedral de Lugo, con motivo da súa futura rehabilitación, poderían dar nova luz a esta zona do Lugo romano e as orixes da catedral lucense. As catas, en tres lugares diferentes do claustro, deron como resultado varias necrópoles localizadas sobre restos romanos e medievais, así como os restos dun gran incendio.

E é que nestas escavacións foi posible comprobar varias necrópoles ou enterramentos que poderían datar dende o século XIII ó século XVI. Nunha delas atopouse tamén un muro da época romana ben conservado e de relativa monumentalidade, o que podería denotar que pertencera a un edificio de gran importancia.

Claustro da catedral de Lugo / foto Iagocasabiell CC-BY Wikimedia

Noutra delas, na galería norte do claustro, atopáronse tamén restos de necrópoles con tumbas separadas por láminas de lousa sobre dun muro medieval anterior o enterramento. Mais neste lugar descubriuse ademais unha gran franxa de carbón dun área duns 20 cm que denota que no lugar houbo un gran incendio do que, polo de agora, aínda se están a investigar as súas datas.

Segundo declaraba o delegado de Patrimonio do bispado de Lugo, César Carnero, a La Voz de Galicia, poderían tirarse varias hipóteses sobre os achados, con especial interese no muro monumental. Ben sobre o lugar podería haber unha casa privada romana ou medieval dun cidadán importante, un novo edificio para a construción da catedral ou a existencia dunha basílica do século IV. Resta que a Xunta autorice unha gran escavación sobre o lugar.

catedral de Lugo dende a muralla / foto HdG

Pode que che interese...