fbpx
Porto de Cereixo / foto Concello de Vimianzo

Un tímpano románico único da Costa da Morte, protagonista das actividades da comarca este verán

Tempo de lectura: 2 min.

Un  ambicioso proxecto cultural centrado na divulgación patrimonial de temática xacobea, vencellada á Translatio nas terras vimiancesas e na súa contorna. Así será o proxecto Translatio e Camiños de Santiago nas Terras dos Condes de Altamira”, que o Concello de Vimianzo quere desenvolver este verán para impulsar o patrimonio do concello.

Así, neste mes de xuño, porase en marcha este proxecto que forma parte do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia. Un taller de fotografía, andainas populares, visitas guiadas, representacións teatrais e actuacións musicais, entre outras, dinamizarán e darán a coñecer o rico patrimonio de Vimianzo. As actividades realizaranse nos meses de xuño, agosto e setembro e están abertas á participación de toda a cidadanía.

Tímpano sur de Santiago de Cereixo en Vimianzo / foto HdG

O proxecto comezará o vindeiro sábado 19, cunha andaina e co taller fotográfico. Desenvolveranse de xeito simultáneo, con saída dende o Santuario da Virxe da Barca de Muxía ata chegar a Translatio de Santiago de Cereixo. Acompañadas dun guía especialista, as persoas participantes na andaina adquirirán coñecementos detallados mentres gozan dun fermoso paseo.

Por outra banda, o taller será impartido polo fotoxornalista Manuel Blanco, especialista en reportaxes de viaxes, e que amosará técnicas fotográficas para sacarlle o mellor partido ás nosas experiencias turísticas. As actividades desenvolveranse conforme ás medidas sanitarias vixentes, con aforo limitado e previa inscrición a través da páxina web do Concello.

Unha peza única no corazón da Costa da Morte

Moi preto da ruta do Camiño de Santiago que leva a Muxía e Fisterra, preto do santuario da Nosa Señora da Barca, na boca da ría de Camiriñas e moi próxima a Ponte do Porto, atópase a singular igrexa de Santiago de Cereixo. Trátase dunha xoia románica do século XII, que comparte espazo coas Torres e a histórica vila de Cereixo, un carballo centenario, un impresionante hórreo de propiedade privada e un muíño de Maré.

Carballo de Cereixo en Vimianzo / foto HdG

Santiago de Cereixo destaca sobre todo polo seu tímpano sur. Un relevo que representa a lenda da Translatio, ou o traslado do corpo do Apóstolo Santiago dende Palestina ata Galicia nunha barca de pedra. Trátase da única representación no románico galego na que aparece representada esta lenda e unha das máis sobranceiras que dá conta da importancia do mito apostólico na Idade Media.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: