fbpx
Recreación dun henge / Galiciacantabrica.com

Na procura dos “círculos invisibles” da Idade do Bronce

Tempo de lectura: 3 min.

Moitas son de feito as preguntas que xorden ao redor dos henges, círculos invisibles da Idade do Bronce. Respostalas dependenderá de intencións. Sábese polo de agora que son estruturas as máis das veces circulares e nalgúns casos ovais pero cunha diferenza entre os eixes pequena. Que hai catro grupos de tamaño e que a maioría está entre os 50 e os 70 metros de diámetro. Sábese que constan dun recinto circular rodeado na maioría de ocasións por un parapeto recheo por veces de pedras de distinto tamaño e delimitados tamén ás veces por un foxo que ten entre dous e tres metros de ancho e unha profundidade parella. Estes xacementos prehistóricos coñécense sobre todo na Mariña e aparecen tamén vencellados ao Miño e ao Sil na zona interior. Tamén hai algún cara Lalín, en Rianxo e cara Vigo, pero “Lugo como provincia é a protagonista sen dúbida”.

Disto dá conta Pilar Prieto, profesora da USC que xunto co arqueólogo Luís Cordeiro estuda estas estruturas circulares dende o 2017 nunha investigación na que colaboran tamén o escritor e profesor de Xornalismo Manuel Gago e o presidente da Asociación Mariña Patrimonio, Manuel Miranda. Pilar Prieto conta en Galicia Confidencial que o traballo que teñen realizado é sobre todo de laboratorio, de identificación. Para localizalos empregaron a tecnoloxía LIDAR, que a partir dunha emisión de pulsos de luz láser que se mandan dende plataformas aéreas ou terrestres permite traballar e procesar a información de modelos dixitais do terreo e tamén con sistemas de información xeográfica.

Pero máis aló das características xerais que aparecen a partires das escavacións, nalgunhas agroman outras concretas. Na Roda de Barreiros atoparon no interior unhas pezas líticas con forma de menhir pequeno que semellan estar colocadas precintando ao redor. Tamén unha entrada ao recinto. Na de Ventosiños vasixas e pezas líticas. E entre os achados destaca ademais a proximidade de moitos destes xacementos ás mámoas. Algo se cadra confuso porque descoñecen se gardan algún tipo de relación: tanto as mámoas como os castros son abundantes no territorio galego e a datación é posterior.

Henge atopado en Lavandeira, Xove / Mariña Patrimonio

Cal é a súa función?

“Estes xacementos non teñen elementos asociados ao desenrolo da vida cotiá”, di Pilar Prieto. Non aparecen foxas de almacenamento, nin fogares, nin as típicas ferramentas utilizadas para labores agrícolas. E se están a vencellar estes asentamentos a unha función ritual e non de asentamento é en parte debido á ausencia ou presenza de elementos: “aparece moi pouco material cando se escava, fragmentos de material dispersos e nalgún caso os recipientes completos, algo máis típico dun contexto funerario”. Aparecen pezas que sobre todo teñen unha función descoñecida “como por exemplo unhas pezas redondas con perforación central”.

Na Mariña Lucense existen dúas estruturas circulares da Idade do Bronce confirmadas nas escavacións:  A Roda e Lavandeira. Pero existen ademais dúas máis catalogadas como estruturas circulares e aínda sen escavar (Mourisca 1 e Mourisca 2) e cinco posibles recintos sen catalogar (castro de Castelo, Vilagoíz, Campo da Roda e Ronchas).

Manuel Miranda, de Mariña Patrimonio,  explica que dende a asociación, cando localizan un ben patrimonial, tentan ir visitalo e consultar cos arqueólogos para confirmar se é realmente un xacemento arqueolóxico. De confirmarse, piden a Patrimonio a súa inclusión no catálogo, que non sempre está polo labor:  “nun primeiro momento facíano sen problema pero a seguinte fase foi dicir a todo o que solicitabamos que non e a fase na que estamos agora é a de non contestar”. Podes ler toda a reportaxe no Galicia Confidencial.

Pode que che interese...