fbpx
Galerías das minas romanas de Figueiró na Serra do Argallo / Óscar Pazos

Atopan novas galerías na mina subterránea romana máis grande de Galicia

Tempo de lectura: 2 min.
As limpezas de montes nas parroquias de Figueiró e San Miguel de Tabagón, nos concellos de Tomiño e O Rosal deixaron á vista novos foxos e bocas a traballos subterráneos da minaría galaico-romana do ouro. Os novos achados veñen a confirmar a importancia da minaría do ouro galaico-romana nestas serras na serras do Lousado, O Argallo e a Groba, situadas entre o Baixo Miño e o Val Miñor.
Na parroquia de Figueiró as pegadas mineiras suman uns oitocentos metros de foxos enliñados en dirección N10W, cubrindo unha distancia total de 1,5 km. Así pois, este conxunto de traballos seguirían a que sería a veta aurífera máis longa das traballadas nestas serras, e que moi probablemente segue a traza dunha falla de cisalla, un tipo de xacemento primario de ouro do que xa tiñamos outros exemplos coñecidos nestas serras. Os foxos conservan bocas abertas a traballos subterráneos, dos que de momento se descoñece a profundidade. Os foxos foron sinalados polos comuneiros en varios puntos do monte para avisar do perigo de caer neles.
En Tabagón, os novos foxos descubertos suman uns douscentos metros novos de traballos a engadir aos preto de 3 km de foxos xa descubertos na gran mina da Borna Grande, que reúne o meirande conxunto destes foxos en toda a Serra. Os foxos seguen a dirección estrutural N10E, característica desta zona, e que corresponde cun feixe de vetas paralelas relacionadas coa intrusión do granito de Tabagón, na localidade de O Morán, ao sur da parroquia. Estes foxos tamén presentan varias bocas a traballos subterráneos, das que de momento se descoñece a profundidade, aínda que as exploracións xeofísicas xa feitas noutros foxos desta mina detectaron galerías a 30 metros baixo o chan.

Pozos que entran nas galerías romanas de Figueiró, en Tomiño, na Serra do Argallo / Óscar Pazos

Comercio púnico
Dáse a circunstancia de que nesta zona hai mineralizacións de ouro mais tamén de óxido de estaño ou casiterita, que foi explotado nas décadas dos 60s e 70s do século pasado nas minas coñecidas como José Antonio e Salaberri. A casiterita tamén foi causa da primeira ruta transatlántica de comercio: a mítica Ruta das Casitérides, que conectaba as fisterras atlánticas europeas co Mediterráneo a través de Gades-Cádiz. Evidencias deste tráfico son o altar púnico do castro de Alcabre, no Museo do Mar de Vigo, ou os senlleiros petroglifos de barcos de Auga da Laxe, no concello de Oia. Tamén no castro do Tegra se atopou a principios do século XX unha figuriña dun Hércules seica procedente de Gades, onde tiña adicada un famoso templo na illa de Sancti Petri.

Desde un punto de vista xeolóxico, estes traballos mineiros se sitúan no complexo metamórfico Monteferro-O Rosal, de idade Paleozoica, que continúa cara ó sur por Portugal. Na localidade de Valongo (preto do Porto) se atopa o meirande conxunto mineiro subterráneo do ouro do Imperio Romano.

Andaina
Unha vez ao mes, o xeólogo Oscar Pazos fai unha andaina pola mina de Borna Grande de Tabagón-O Rosal, para ensinar os traballos e contar da importancia histórica da minaría galaico-romana do ouro. A próxima andaina será o sábado 19 de marzo. Para inscribirse, no correo oscar_pazos@hotmail.com

Pode que che interese...