fbpx
Placa en homenaxe aos mortos de Nebra / Galizeando.com

A traxedia de Nebra: Os impostos que mataron a cinco veciños

Tempo de lectura: 3 min.

Hai 100 anos, o 12 de outubro de 1916, a Garda Civil matou en Nebra a cinco veciños, catro mulleres e un home. Na estrada ficaron tamén 32 feridos, a maioría mulleres,por feridas de bala. Serían coñecidos a partir de entón como as “mártires de Cans” ou de Nebra.

“¡Un padrenuestriño pol-os que morreron en Oseira, Nebra e Sofán!“, recollía Castelao nunha ilustración do libro Nós en 1931. E é que quince anos despois do acontecido, a memoria estaba moi viva e as feridas abertas nos veciños seguían sendo moi fondas.

A revolta de 1916 en Nebra foia a primeira gran represión contra o movemento agrarista galego e as autoridades. Logo da traxedia, obriraron aos medios e institucións a gardar un forzado silencio sobre o acontecido.

Todo comezou pola pésima xestión económica da corporación sonense, xunto a un desfalco nos orzamentos. Isto provocou un reparto de arbitrios extraordinarios, o que causou unha vaga de protestas. De feito, a gran manifestación do 12 de outubro foi a última doutras protestas e mitins contra o abusivo pago de impostos.

Ponte de Cans, en Porto do Son, onde tivo lugar a matanza de Nebra en 1916 / galizeando.com

Ponte de Cans, en Porto do Son, onde tivo lugar a matanza de Nebra en 1916 / galizeando.com

Protesta agrarista

Ese día, os manifestantes estaban dirixidos pola Liga Agraria de Nebra e a Protección Obrera de Porto do Son. Acordárase que foran, sobre todo, mulleres, e mesmo nenos, para que a Garda Civil non executara unha dura represión contra eles, como xa fixera antes cos homes. Pero non serviu de nada. xuntáronse máis de trescentas persoas na estreita ponte do lugar de Cans para impedirlles aos axentes do fisco.

Sobre a ponte de Cans, os manifestantes comezaron a berrar en contra do tributo: “non se paga o defis“. Os gardas civís enviados superaban a trintena. O capitán xunto co tenente intentan convencer aos veciños de que disolvan a manifestación, pero os veciños néganse. Tal e como recolle Xerardo Díaz Fernández, no seu libro “Nebra, historia dunha infamia“, un grupo de mulleres comeza a avanzar, intentando obrigar aos gardas civís a recuar. Un rapaz que se achega cun pau na man recibe do tenente un golpe co sabre que o deixa tirado no chan, despertando nos manifestantes unha reacción indignada.

Disparan contra a xente

O capitán ordena unha descarga ao aire para disuadir aos manifestantes, máis algún garda civil desacatou a orde e disparou á xente. O capitán ordena outra descarga ao aire, e de novo máis gardas civís disparan contra os manifestantes. Nun primeiro momento cóntanse máis de trinta caídos.

Tras a desgraza acontecido, o capitán ordena aos seus homes a retirada e marchan cara a Portosín a protexer ao alcalde xa que entre os manifestantes comezan a escoitarse berros de morte para o rexedor e a Benemérita pola masacre cometida.

Dous médicos do Son acoden á ponte para curar aos feridos. Os de menos gravidade son evacuados ao Son, os máis graves lévanse á praia da Aguieira para embarcalos para Noia e levalos no coche de liña ao hospital de Santiago de Compostela. O mesmo día morreron dúas persoas: Antonio Sobrado Luaces e Francisca Carou. O día 15 morreron Ramona Suárez Pouso e Xenerosa Vidal, e o día 28 no hospital de Santiago, falece Rosa Cadórniga Maneiro, que tivo un enterro multitudinario que foi unha nova mostra da indignación pola brutalidade cometida.

O ocorrido foi silenciado polas administracións nos días seguintes, e os locais da Liga e de Protección Obrera foron clausurados. Sen embargo, na memoria do pobo a traxedia nunca se esqueceu. E seguiu viva de pais a fillos.

Xornada de lembranza

Precisamente, e para lembrar o acontecido, a Familia do Martelo, organiza un acto especial para conmemorar esta traxedia. Este ano, con motivo do centenario, programáronse unha serie de actividades arredor do acontecido, coa idea de que a xente coñeza ben a parte da historia do concello de Porto do Son e da aldea que por anos foi silenciada e mesmo deturpada, “identificando este suceso con outros que nada tiñan que ver”, lembra.

O acto central será o mércores 12 de outubro, comezando ás 11 da mañá, na igrexa de Santa María de Nebra, cunha misa polas vítimas. Ás 17.00 horas presentarase o libro “Os tráxidos sucesos en Cans (Nebra) 1916. Cen anos na lembranza” e as 18.30 horas terá lugar a ofrenda floral ao pé do monólito na ponte de Cans.

Pode que che interese...