fbpx
Igrexa dos Martores, en Valga, onde se sitúa un dos lugares de enterramento de Priscliano / Elixio Vieites

Está enterrado Prisciliano na necrópole da antiga Capela dos Martores de Valga?

Tempo de lectura: 6 min.

Moito se ten falado do lugar do enterramento de Prisciliano. Algúns autores din que a quen se adora na Catedral de Santiago non é o apóstolo, senón o bispo axustizado en Tréveris. Pero hai outros lugares cargados de maxia e enerxía nos que a cultura popular, veciños e algún investigador, tamén aseguran que podería ser o lugar onde se atopa o “home santo”. Un deses emprazamentos, coroado por unha fermosa capela de orixe prerrománico, está nos Martores, en Valga.

O concello de Valga é un  magnífico territorio para acercarse a dar unha volta polos seus lugares arqueolóxicos e outros sitios de interese histórico, pois está en plena  bocarribeira do Ulla, escenario de acontecementos que quedaron marcados na nosa historia como a aparición do casco de Leiro, a chegada do apóstolo Santiago, ou as  incursións normandas e sarracenas.  Poderíamos facer unha ruta  que nos levaría pouco menos dunha tarde e teríamos viaxado ao longo dos séculos coma nunha máquina do tempo.

Recreación da Igrexa Vella de Cordeiro

De primeiras iríamos  ver o lugar da Igrexa Vella,  un xacemento escavado  dos máis importante da comarca que contén unha necrópole con datación de tumbas de época  romano e precristiá. Seguiríamos polo castro de Balleas, con visión sobre a canle do Ulla, e que de seguro tería algunha relación con este lugar sagrado.   

 Baixaríamos ao Mercado dos Mouros, xa na ribeira do río, tamén recentemente intervido arqueoloxicamente e que sería moi orixinal en canto  as súas  características e estruturas.  Trataríamos despois  de chegar ao Monte do Castelo. na aldea da Medela, un lugar coa suficiente coherencia para ser unha erguida atalaia medieval de control viario e bastante ben conservada,  e de chegar despois a tomar a auga milagreira da moi frecuentada polos romeiros capela dos Milagres en Requián, pasando xa a raia do concello da Estrada.  

 Pero hoxe queremos dedicarlle o noso tempo a outra capela, non moi lonxe desta última, e situada nunha soleada valgada encostada cara ao sur, de amplas vistas, regada polo Valga e dominada polo castro dos Vilares. Está o pequeno templo a pouca distancia deste asentamento nas aforas da  aldea dos  Martores, coa advocación a San Mamede,  mártir cristián  que amansara aos leóns que lle botaran para comelo vivo.  Ao  mellor en dito lugar xa había outros mártires enterrados antes de haber capela,  pero a estes  nos terían botado aos leóns senón á xustiza imperial romana.

Menciónase nalgún escrito  que podería tratarse do lugar de enterramento  do herexe Prisciliano, e os seus acólitos,  que non poucos autores queren velo incluso como o verdadeiro “santo” que ocupa o sepulcro do apóstolo Santiago, de iconografía  menos pacífica e co sobrenome de fillo do trono, na gran catedral de Santiago.

Un sartego atopado na Igrexa dos Mártores, en Valga / Elixio Vieites

Onde está Prisciliano?

Cinco lugares son nomeados  para ser  candidatos á morada  onde descansa o  primeiro axustizado da Igrexa católica. Serían,  segundo algúns  investigadores consultados: Santa Eulalia de Bóveda (Lugo), a basílica de San Vicente, Sabina y Cristeta, (Avila), o mosteiro de  San Ductinio en Astorga (hoxe desaparecido), Santiago de Compostela, na  propia Catedral, a cal medrou ao redor dunha necrópole, e Os Martores no  concello de  Valga.

 Estes dous  últimos están  a pouco máis de 20 km. en liña recta, e compartindo unha historia e lendas  que case chegan a ser coincidentes entre si.

 Nas fontes documentais o escritor eclesiástico Sulpicio Severo de Aquitania (360- 420), nomeado santo, relata no seu “Chronicorum Libri Duo” o traslado destes  mártires a Terras de Hispania, pero pouco máis nos aporta sobre quen o levou a cabo e o destino dos corpos.  Ademais de Prisciliano foron martirizados, alomenos,  cinco discípulos del :  Felicísimo e Armenio, (dous clérigos), Aurelio,  Latroniano (un poeta) e Eucrocia (unha muller laica esposa do poeta Delfidio).

O contexto en que se movería a operación de traslado sería a de tentar traer os seus corpos a un sitio onde se sabía que ían ser venerados e onde os seus seguidores tiñan a suficiente forza  espiritual e capacidade de reacción.

 Sulpicio relata que se levaron a cabo honores fúnebres celebrados co corpo do  mártir (honor martyris) e Hidacio de Chaves, nada amigo de semellante ideario maniqueo, afirma que despois da execución “..a herexía priscilianista invadiu Galicia”.

Diego Piay Augusto  no traballo “Astúrica Augusta, un posible destino para las reliquias de Prisciliano”  apúntanos que o obxectivo do concilio de Toledo do 400 era presionar aos obispos galegos para que renunciaran as súas simpatías priscilianistas e para que disuadiran ao clero e aos fieis de continuar venerando aos mártires de Tréveris, restaurando así a paz e  harmonía das igrexas por todas as provincias ibéricas.    

A Igrexa dos Mártores rodeada de grandes sobreiras / Elixio Vieites

Os Martores, un lugar suxestivo  

O que fora  teólogo, historiador relixioso e bispo de Cuenca, Monseñor Guerra Campos, nacido en Ames, viu na contorna da  necrópole da capela dos Martores un lugar moi suxestivo para ser investigado arqueoloxicamente. Entre outras cuestións que levarían ao apoio da hipótese estarían a  presenza no lugar de restos de tumbas de época da romana,  de sartegos antropomorfos  de época prerrománica e o topónimo único en Galicia  Martores (Os mártires) que así foi como lle chamaron no seu tempo a estas primeiras vítimas por  herexía relixiosa.                   

A isto hai que engadir que se relata na documentación que parte da vida de Prisciliano desenvolveuse no sur de Galicia, e foi alí onde tivo os  máis ferventes adeptos, os cales  chegaron a ter tanta forza e influencia, que houbo un grupo deles que logrou mandar ao  exilio ao  bispo Ortigio de Celenis (Caldas de Reis) ao redor do ano  400, feito do cal se foi queixar ao concilio de Toledo, pedindo que se tomaran medidas disciplinarias.       

 Hoxe están visibles, ao lado dunhas sobreiras xigantese e a carón desta  capela, dous  sartegos monolíticos antropomorfos a ras do chan que se poderían datar do século VII e unha grosa tampa monolítica,  apoiada  nun muro lateral e con  gravado de estola.  Xa dentro do pequeno templo, posta nunha esquina, a catalogada como ara votiva  dedicada a Mercurio por Severus, datada sobre o século I e con trazas de ser reutilizada para outra tumba cristiá como se confirmaría co gravado dunha cruz debaixo da inscrición.  Amosa ademais,  dous pequenos círculos ao lado dereito da cruz e uns trazos curvos na parte inferior. A necrópole a que pertencen estes achados, podería  estenderse pola contorna do adro.

 Sería o illamento desta capela  nunha zona rural e lonxe das vías  principais, unha idea de consoante coas  teses do panteísta e os seus seguidores, un peso máis na balanza que tira para que polo menos vaiamos facerlle unha visita e non veñamos defraudados.

Ara dedicada a Mercurio na Igrexa dos Mártores, Valga / Elixio Vieites

Sabemos que só un descubrimento excepcional nos podería despexar o camiño para saber a  situación definitiva do enterramento dos mortos sentenciados en Tréveris, pero para rematar unha viaxe non está nada mal contar que estivemos visitando un posible lugar onde se atopan os primeiros mártires da Igrexa Católica   Romana,  nunha humilde capeliña pouco visitada,  á sombra dunhas sobreiras centenarias e a poucos quilómetros dunha catedral metropolitana das máis  afamadas do mundo e ateigada de xente, que foi feita  a partires de feitos tecidos cos mesmos fíos da crenza de ter enterrado un mártir, e que ao mellor están moito menos referendados pola historia

É o que ten a disidencia.

 

Referencias  bibliográficas:

Carmen Cardelle de Hartmann:  “El Priscialismo tras Prisciliano” ¿un movimiento Galaico?”  1998

Piay Augusto Diego.  “Astúrica Augusta, un posible destino para las reliquias de Prisciliano” . Astorica 29, 2010

Piay Augusto, Diego. Arqueología y Priscilianismo.  Hispania Antiqua. Num 35.  2011.

 

Os sitios nomeados poden atoparse nas fichas de patrimoniogalego.net

Capela dos Martores. Valga

http://patrimoniogalego.net/index.php/90679/2016/12/capela-dos-martores/

Castro dos Vilares.  Os Vilares. Valga

http://patrimoniogalego.net/index.php/90805/2016/12/castro-dos-vilares/

Igrexa Vella. Cordeiro. Valga

http://patrimoniogalego.net/index.php/62487/2014/07/igrexa-vella/

Castro de Balleas. Cordeiro. Valga

http://patrimoniogalego.net/index.php/62481/2014/07/castro-de-balleas/

Mercado dos Mouros. Cordeiro Valga

http://patrimoniogalego.net/index.php/75780/2015/06/mercado-dos-mouros/

Monte do Castelo da Medela . A Medela . Valga

http://patrimoniogalego.net/index.php/90791/2016/12/monte-castelo-da-medela/

 

Escrito por

Divulgador

Pode que che interese...