fbpx
Posible alxibe no castro de San Salvador do Mao, no Incio / Xavier Moure

Balacastro, o castro desde o que disparaban balas

Tempo de lectura: 3 min.

Hai uns días, uns veciños da parroquia de San Salvador do Mao (O Incio) puxéronse en contacto co investigador Xabier Moure para comentarlle a existencia dun castro nun monte da aldea de Valbón, a uns 200 metros en liña recta das últimas casas. E, efectivamente, confirmouse esa hipótese.

Deste xeito, o Incio conta xa cun novo castro. Un castro no que había tesouros, vivían os mouros e “disparaban balas”. Ou iso é cando menos, as lendas que contan os veciños do lugar. O sitio arqueolóxico atópase a 859 metros de altitude sobre o nivel do mar. Consta dun único recinto de forma ovalada, cunhas medidas aproximadas de 110 por 70 metros. Estaba defendido polo nor-leste por unha fortísima pendente, case vertical, que cae cara o río Mao e unha pequena muralla que se vai elevando a medida avanza que pola parte máis vulnerable, o sur-oeste, con tramos que acadan os tres metros de altura. Polo oeste obsérvase un pequeno antecastro. A entrada estaría polo sur.

O castro está cuberto pola maleza, non moi alta, e por carballos. No interior, no oeste do asentamento, vese parte dunha estrutura rectangular inserida no chan formada por unhas grandes laxes dispostas verticalmente, moi ben traballadas e perfectamente unidas entre si, que asentan sobre outra gran laxe horizontal polo que, creo, podería tratarse dun gran recipiente ou alxibe para recoller a auga.

Escavacións furtivas

Os veciños comentann que no castro habitaban os mouros e que hai enterradas xoias de ouro. Polo menos en dous sitios realizáronse escavacións furtivas. Os prados que hai ao pé do castro reciben o nome de Balacastro. “Cando lle preguntei aos meus informantes se non quererían dicir Valcastro, respondéronme con contundencia: Non, o nome é Balacastro, polas balas que disparaban os habitantes do castro”, apunta Moure.

Dende o asentamento domínase todo o Val do Mao, e mantén unha inmellorable comunicación visual co castro de Formigueiros, situado a 4,3 quilómetros en liña recta. Nas inmediacións do castro están as coñecidas como Penas da Ribeira. No ano 1911, uns veciños mataron a un home por unha cuestión de distribución de augas para as terras de labor.

Cando mo comentaron, chamoume a atención que non estivera catalogado xa que o lugar onde se ubica recibe o nome de O Castro, e a súa configuración non admite dúbidas, en poucas letras “é de manual”, divisándose perfectamente dende lonxe. Para asegurarme consultei o PXOM do Concello, constatando que non figura nin no inventario nin nas fichas. O único castro inventariado na parroquia de San Salvador é o de Cereixido, a 1,6 quilómetros en liña recta do de Valbón.

No PXOM figuran 27 castros inventariados, se ben catro, aínda que nos límites co Incio, xa pertencen aos concellos de Sarria, Samos e A Pobra do Brollón.

Muros do castro de San Salvador do Mao, no Incio / Xavier Moure

Anomalías no PXOM

Por outra banda, obsérvanse outras anomalías no PXOM. Co número 306 figura “Castro da Roda-Castro de Rendar” que ubica en Treimonte, na parroquia de Sirgueiros, cando en realidade queda en Romariz, parroquia de Rendar. O que si está en Treimonte é o da Pena da Roda, sobre os regos da Ribeira e da Rodeira e que, pola descrición da ficha, debe corresponderse co mal denominado “Castro da Roda-Castro de Rendar”. En Sirgueiros tamén está a Agra do Castro que si consta no Plan.

O PXOM do Incio foi aprobado definitivamente o 7 de decembro de 2005, e publicado no DOG o 21 do mesmo mes. Tanto o castro de Valbón como as anomalías do PXOM voullo comunicar mañá por escrito ao Servizo do Patrimonio Cultural e ao Concello do Incio.

 

Pode que che interese...