fbpx
Igrexa da Santa Cruz do Incio / foto cultura.gal

A Santa Cruz do Incio, a xenial obra que uniu a tradición cos principios do Movemento Moderno, xa é BIC

Tempo de lectura: 2 min.

No Diario Oficial de Galicia do pasado 29 de abril. Alí aparecía o decreto polo que a igrexa de Santa Cruz do Incio, a excepcional obra do arquitecto José Luís Fernández del Amo, era declara, coa categoría de monumento, Ben de Interese Cultural (BIC), a máxima categoría de protección do patrimonio galego.

Trátase dunha mostra excepcional da arquitectura do Movemento Moderno en Galicia e que se adapta plenamente ó lugar para o que foi deseñada. Construída entre 1961 e 1963, a pesar da modestia das súas dimensións e dos recursos, foi unha das obras cumio do arquitecto en Galicia e das que máis satisfeito se sentía, pola singularidade do encargo nun pequeno núcleo rural.

Trátase, posiblemente, da máis destacada da serie de igrexas que o xenial arquitecto construíu en Galicia e nas que mesturou con mestría a tradición construtiva popular cos principios do Movemento Moderno. Son San Antonio de Pádua en Lugo, Santa Mariña en Chantada e Santa María de Baio en Zas. A cuarta igrexa sería esta igrexa da Santa Cruz do Incio, un dos deseños máis lúcidos deste conxunto.

Interior da Igrexa da Santa Cruz do Incio / foto xunta.gal

Mais de 40 bens interiores con lembranzas do Arts and Crafts

Na declaración inclúense tamén máis de 40 bens do interior, como os 24 bancos deseñados polo propio arquitecto ou as vidreiras, boa parte deseñadas polo artista José Luís Gómez Perales. Ademais pasan ó Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia outros elementos singulares como dous confesionarios, unha pía bautismal e outra de auga bendita, o altar principal e outro lateral, a talla da Virxe de Santa Cruz do Incio, crucifixos ou viacrucis, entre outros.

Catalogáronse tamén o pasamáns do coro, en que se enroscan 13 táboas de castiñeiro, o lintel da porta da sancristía, as portas macizas de madeira, reinterpretación da tradición con ferraxes de forxa, o armario do baptisterio e o remate da torre. Protéxense así elementos feitos por artesáns locais e deseñadas polo propio arquitecto que fan do templo en conxunto unha construción de excepcional calidade e interese.

Pode que che interese...