fbpx
Santa Cristina de Ribas de Sil / Íñigo M. Riobó

As grandes sombras da declaración BIC da Ribeira Sacra

Tempo de lectura: 3 min.

Tal e como contábamos en Historia de Galicia, dende o pasado venres día 31 a Ribeira Sacra xa é no seu conxunto Ben de Interese Cultural, na categoría de Paisaxe Cultural. Dende ese día será preciso pedir autorización á Dirección Xeral de Patrimonio para intervencións como novas infraestruturas, instalacións, construcións ou ampliacións e reestruturación das existentes. Tamén para calquera intervención nos bens con protección singularizada, que adquirirán de seu protección semellante á de BIC.

Mais para moitos a delimitación da nova declaración é máis ben “de mirada cativa” ou “falta de ambición”. Pois a pesares de que Patrimonio teña que autorizar calquera intervención na área delimitada ó certo e que o fará aténdose a categoría de cada un dos elementos. E é que, dende este punto de vista, algunhas asociacións e profesionais do sector botan en falta unha maior delimitación de bens singularizados, aqueles que terán a categoría equivalente a un Ben de Interese Cultural.

Pois coa declaración quedarán protexidos os bens que conten con esta consideración (intraámbitos clasificados BIC) e as súas contornas de protección. Serán os elementos que antigamente xa estaban declarados BIC, tales como determinados mosteiros, hórreos, cruceiros, petos de ánimas, escudos, petroglifos ou bens que ata este momento estiveran delimitados como elementos catalogados nos diferentes planeamentos urbanísticos. O resto de elementos estarán sometidos á declaración xenérica, e por tanto carentes dunha protección integral.

Santa Cristina de Ribas de Sil / Íñigo M. Riobó

Unha destas asociación O Sorriso de Daniel, precisamente aquela que agrupa a algúns dos máis importantes expertos medievalistas do país, lanzou nos pasados días unha importante queixa nas súas redes sociais. Foi tras a denegación de todas e cada unha das alegacións nas que se pedían que se declararan tamén como BIC máis de medio centenar de edificios románicos de especial interese quedando todos eles fora.

Para eles, a declaración “non descataloga os edificios que xa estaban catalogados”, pero tampouco “declara BIC ningún dos 55 edificios románicos que lle pediramos en alegacións”. Para eles, estes edificios forman parte dunha unidade indivisible “xa que o románico forma parte do ADN da Ribeira Sacra“, preguntándose ademais “para que perderíamos o tempo en facer alegacións?”. O certo e que antes da Semana Santa a asociación presentara un escrito de 19 páxinas e mais un anexo con planimetría, co “ánimo de mellorar o proxecto”. Todas elas foron desbotadas.

Porén outras críticas fóronlle feitas tamén á declaración. Entre elas no pasado mes de marzo o deputado do PSdeG José Antonio Quiroga acusaba ó goberno galego de excluír á cidadanía no proceso de declaración da Ribeira Sacra. Quiroga acusou á Xunta no Parlamento de esquecer o papel dos habitantes da zona e de correr o risco de que o escepticismo dos cidadáns puidera dificultar a declaración como Patrimonio Mundial. E é que, de feito, semella que non estaba lonxe da realidade, xa que algúns colectivos amosaron tamén o seu malestar polo cativo prazo de alegacións á declaración.

Santa Cristina de Ribas de Sil / Íñigo M. Riobó

Pode que che interese...