fbpx
un mamut semellante ó do Incio / foto tkellepicsCC0

Como foi o descubrimento do único mamut de Galicia

Tempo de lectura: 2 min.

Un artigo do pasado venres do xornal La Voz de Galicia volve a traelo ó foco dos medios case sesenta anos despois do seu descubrimento. O mamut de Buxán, o único mamut atopado en Galicia, quere converterse pola súa singularidade nun dos símbolos da prehistoria galega, así como un dos referentes do concello do Incio. O mamut foi descuberto en maio de 1961 nunha canteira de caliza desta localidade, analizado por varios expertos, e depositado no  museo Luis Iglesias da Universidade de Santiago de Compostela, onde se atopa ata día de hoxe.

E é que o 2 de maio de 1961, mentres se traballaba nunha fenda da canteira de Oural en Buxán, os operarios atopaban restos óseos dun gran tamaño e unha certa antigüidade. Deron conta daquela o capataz quen a súa vez avisou ó xeólogo Isidro Parga Pondal. Este xunto ó tamén xeólogo Uxío Torre Enciso e máis o paleontólogo Emiliano Aguirre, posterior director de Atapuerca, concluíron que era parte da osamenta dun mamut lanudo. Eran fragmentos de dous molares de case 20 centímetros de anchura máxima, fragmentos de dúas vértebras e varios anacos doutros ósos. Mais, segundo os veciños, ademais destes, haberían de atoparse outros restos hoxe desaparecidos.

Museo Luis Iglesias no parque de Vista Alegre / foto Turismo Santiago

O achado foi dende aquela o único dun animal desta especie en Galicia. Si foron atopados outros na Cornixa Cantábrica, en Asturias e Cantabria, así como en Cataluña, a serra de Madrid, Granada e o centro de Portugal. Mais os restos levan sen ser estudados dende a súa descuberta, case sesenta anos atrás. Segundo os espertos, como se sinala no artigo do xornal, poderíanselle facer probas de Carbono-14, ADN, e un análise isotópico, que permitirían precisar a súa antigüidade, alimentación e entorno. Mais ata día de hoxe non foron autorizadas. Tamén, segundo os expertos, sería posible que apareceran mais restos nas zonas calizas da provincia de Lugo, dende ó norte e centro orientais da provincia.

A canteira, que servía abastecer la fábrica de cementos de Oural, e que estivo activa tan so un par de décadas, fica hoxe en día abandonada. Segundo recollían artigos de diversos medios algúns anos atrás, aínda se conserva o lugar cercado e cuberto de vexetación e en completo abandono. Tan so o concello do Incio parece reparar no achado, utilizando ó gran mamífero como símbolo e organizando algunhas actividades ó seu redor. Dende o Museo Luis Iglesias tamén se mostran abertos á divulgación destas pezas e ó seu estudo.

Pode que che interese...