fbpx
unha autovía / foto pixel2013CC0

Tui quere ser Conxunto Histórico tamén dende a autovía

Tempo de lectura: 2 min.

Que Tui é un dos conxuntos históricos máis importantes de Galicia é de todos coñecido. Foi unha das cinco sedes episcopais de Galicia e unhas das antigas sete provincias do Antigo Reino. Declarouse Ben de Interese Cultural en categoría de Conxunto Histórico no ano 1995 e Patrimonio Histórico no ano 1967. Mais o que non é tan coñecido por todos é o feito de que, de viaxar entre Vigo e Portugal -ou á inversa- pola autovía A-55, ningún cartel “marrón” ou do SISTHO anuncia estar a pasar xunto a unha das vilas monumentais máis importantes de Galicia.

Recreación Panel SISTHO Tui

Os carteis SISTHO son un estándar de sinalización de elementos de especial interese turístico, xa sexan praias e lugares de ocio, espazos naturais, balnearios ou espazos monumentais, que teñen por función sinalizar ós os viaxeiros a presencia destes lugares. Como contábamos noutro artigo, para que estes carteis poidan ser instalados é preciso formar parte do catálogo do sistema de sinalización, que se actualiza cada certo tempo. Mais a vila de Tui, pesares de ter sido incluído no catálogo do sistema no ano 1998, na autovía A-55 aínda non aparece como tal no popular cartel marrón.

Así o fixeron constar dende o Concello ante Fomento a pasada semana. Pois o Concello solicitou á Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, dependente do Ministerio de Fomento, a revisión e mellora dos datos incluídos nos paneis informativos situados nesta autovía ó seu paso polo termo municipal. Dende o concello solicitouse a instalación destes paneis turísticos reflectindo o Conxunto Histórico de Tui en ambas as dúas direccións.

Vila de Tui / foto Wikimedia

Esta foi unha das peticións que se fixo, máis non foi a única. Solicitáronse tamén varias modificacións noutros sinais, como na saída 29 en dirección a Portugal no que se solicitou incluír  “Portugal.  Tui (Sur). A Guarda. Pol. Industrial Areas”; na saída 30 ampliando a información colocada como “Portugal. Valença. Porto”, e engadir na saída o Polígono de Areas que arestora non figura; e na saída 23 incluír xunto ó Cerquido, Ribadelouro, xa que é o principal acceso a esta parroquia tudense. Ademais tense solicitado tamén a revisión do alumeado na A55 no tramo que pasa polo concello  xa que se atopa na actualidade nun estado bastante deficiente.

Pode que che interese...