fbpx
Castelo de Torés, en As nogais, en estado ruinoso / Xavier Moure

As historias da raíña Lupa e de Almanzor nun castelo medieval en estado ruinoso

Tempo de lectura: 4 min.

O conxunto fortificado de Torés sitúase nunha pequena elevación que domina o val de Torés, en As Nogais, fronte da interesante igrexa parroquial, renacentista, e non moi lonxe dun castro da Idade do Ferro. E a pesar da súa situación periférica está rodeado de historias e lendas de reis, raíñas e grandes caudillos.

Data do século XV, se ben hai autores que sitúan a súa orixe a mediados do século VIII. Segundo a lenda, o castelo de Torés foi mandado construír pola lendaria raíña Lupa, como tótem, logo de se converter ao cristianismo, aos touros (de aí o topónimo) que transportaron o carro onde os discípulos transportaron o corpo do Apóstolo Santiago.

A fortaleza vai unida á historia dos Ribadeneira e dos Bolaño. Conta Felipe de la Gándara na súa obra Armas y Triunfos de Galicia que cando o sitio da cidade de Lugo polas tropas de Almanzor alá polo ano 997, Diego de Ribadeneira, señor de Torés, arroxou dende unha das ameas aos sitiadores unha bola de pan e un año para demostrarlles que tiñan comida dabondo para aguantar o tempo que fixera falta, argucia que enganou aos árabes que optaron por marchar; de aí viría, supostamente, a orixe do apelido Bolaño (bola máis año). Di Vázquez Seijas que da defensa que Diego Bolaño fixo da igrexa e cidade de Lugo hai constancia en moitas bulas e concesións de grazas con que os pontífices honraron a el e á súa casa de Torés, entre outras unha de Constantino I datada o 15 de decembro do 714, e confirmada polos papas Gregorio II e Gregorio III.

Situación da muralla exterior do Castelo de Torés, en As Nogais / Xavier Moure

Da antiga fortaleza mantense en pé unha arruinada torre duns 18 metros de altura e os restos das murallas que a circundaban e cuxas pedras foron reaproveitadas posteriormente polos veciños noutras construcións.

Alarmante situación

A comezos do ano 1989, representantes do Concello e o duque de Segorbe, fillo da marquesa de Medinaceli, iniciaron as conversas para conservar e restaurar o castelo. Pero non foi ata o ano 2013 cando a casa de Medinaceli, a súa propietaria actual, cedeu por 25 anos o uso do castelo ao Concello que se comprometeu a restauralo e facelo visitable ao turismo. No ano 2013, alumnos dun Obradoiro de Emprego, subvencionado pola Xunta de Galicia, acondicionaron a contorna e limparon os muros, un lavado de cara puntual que só serviu para constatar o lamentable estado desta fortaleza declarada Ben de Interese Cultural.

Días atrás, integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares achegámonos ata o castelo, comprobando que o seu estado de conservación empeorou de forma alarmante nos últimos anos.

A torre, cunha altura máxima de 18 metros e de planta cadrada, perdeu todos os andares hai anos, quedando totalmente baleira polo interior, así como a parte superior que estaba coroada por ameas. Algunhas pedras desta zona ameada desprendéronse recentemente. Todas as caras exteriores da torre presentan máis que preocupantes gretas, algunhas, como as das caras sur e oeste agrandáronse. As pedras dunha ventá da cara sur tamén están a desprenderse. O interior presenta varias gretas. Ademais do anterior, as grosas raíces da maleza que cubría a torre están a actuar sobre as pedras o que está a aumentar a súa inestabilidade.

Os restos das murallas que semicircundan a torre atópanse arruinadas, con partes totalmente derrubadas e ateigadas de maleza.

Estado no que se atopa o Castelo de Torés, en As Nogais / Xavier Moure

Hai solución para evitar máis ruína?

Para minorar a desfeita, o colectivo Patrionio dos Ancares dirixiuse ao Concello das Nogais para que, sen demora, tome as medidas necesarias para consolidar, baixo control arqueolóxico, as danadas estruturas. Tamén lle propuxeron que, posteriormente, acometa as obras de restauración precisas para valorizar o castelo que, xunto co de Doiras, Doncos e A Pobra de Navia, é un dos máis importantes da comarca e de Galicia, tanto polo seu valor arquitectónico como histórico. Ademais, ese foi o compromiso que adquiriu o Concello cando se fixo cargo da fortaleza.

Descoñecemos se o Concello ten dado algún paso para acometer as obras de consolidación e restauración e se conta cun presuposto destinado para este fin. De non ser así instámolo a que solicite a axuda doutras administracións públicas para evitar o seu derrube. Tampouco nos esquecemos dos propietarios, a Casa de Medinaceli, que durante lustros nada fixeron por conservar esta súa propiedade que despois de transcorridos uns poucos anos volverá ás súas mans.

Situación da cara oeste da torre do Castelo de Torés / Xavier Moure

Ademais, o Concello, como propietario, aínda que sexa temporal, ten a obriga de cumprir o disposto pola Lei do Patrimonio Cultural de Galicia publicada no mes de maio de 2016, entre outros, o seu artigo 3: “As entidades que integran a Administración local, en relación cos bens do patrimonio cultural de Galicia que se localicen no seu ámbito territorial, teñen as obrigas de protexer, difundir e fomentar o seu valor cultural, adoptando, en casos de emerxencia, as medidas cautelares necesarias para salvagardar os bens que visen a súa integridade ou valor ameazados”, debendo comunicarlle á Xunta de Galicia “calquera ameaza, perturbación ou dano do valor cultural que tales bens sufran”.

A entidade patrimonial tamén presentou no Rexistro do mesmo uns escritos dirixidos aos partidos políticos con representación municipal para informalos do grave risco de derrube que corre o castelo de Torés.No escrito enviado ao Concello tamén lle preguntaron se coñecen en que estado se atopa a solicitude para facerse coa Torre de Doncos que, a día de hoxe, non pertence a ninguén.

Escrito por

Divulgador e investigador do patrimonio. Impulsor do colectivo Patrimonio dos Ancares

Pode que che interese...