fbpx
Petroglifos atopados a 1.525 metros, en Cervantes, ao carón do Pico Tres Bispos e do Pico das Charcas / Xabier Moure

Descubertos nos Ancares novos petróglifos e mámoas dos máis altos de Galicia

Tempo de lectura: 3 min.

A pasada fin de semana, integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares localizamos unha nova mámoa adscrita ao período Neolítico no Concello de Cervantes, non moi lonxe doutras dúas que documentaramos o pasado 28 de xaneiro de 2017. Sitúase a uns 1.280 metros de altitude sobre o nivel do mar, entre as aldeas de Porcís, parroquia de Noceda, e O Portelo, parroquia de Vilarello, no monte coñecido como O Circo. Ten un diámetro de 17 metros e unha altura de un metro. Sobre o túmulo obsérvanse algunhas pedras de cuarzo o que pode indicar que estaba cuberta por unha coiraza pétrea.

Que nos pasara desapercibida na visita anterior debeuse a que se atopa no medio dunha plantación de piñeiros, mesmo algunhas árbores foron plantadas sobre a mámoa. Este enterramento, metro arriba metro abaixo, sitúase na mesma liña divisoria coa provincia de León. Moi preto, pero xa no concello de Balboa (León), hai outras tres mámoas coñecidas como Os Forniños.

Segundo os nosos datos, trátase, ata o momento, das mámoas situadas a maior altitude da provincia de Lugo, ocupando o terceiro posto de Galicia, despois das mámoas do Marco Cavado e do Sistil Branco, entre os concellos ourensáns de Chandrexa de Queixa e Manzaneda, situadas a uns 1.700 metros de altitude.

Petróglifos atopados en Cervantes, a 1.525 metros / Xabier Moure

Novos petróglifos

A mesma fin de semana localizamos máis petróglifos no concello de Cervantes. Nesta ocasión foi no lugar coñecido como Campo Formoso, a uns 1.525 metros de altitude sobre o nivel do mar, debaixo do Pico dos Tres Bispos (1.798 m) e o Pico das Charcas (1.800 m) e que fan límite coa provincia de León. Trátase dunha rocha de xisto situada nunha campa onde se ven tres coviñas de 3, 4 e 5 centímetros de diámetro respectivamente, aliñadas de este a oeste. Nas proximidades nace o río do Ortigal.

Trátase do cuarto grupo con gravuras situado a maior altitude de Galicia, detrás dos da Mallada do Mustallar (a 1.700 metros) e do Mustallar (a 1.800 metros) localizados polo noso colectivo no mes de novembro de 2015, e do das Arcas, no concello ourensán de Manzaneda, que ata o daquela estaba considerado como o petroglifo a maior altitude de Galicia (1.770 metros).

Coma o resto dos petróglifos do concello de Cervantes, estes atópanse a carón dunha antiga vía de tránsito de montaña, nunha penichaira, o que aquí se coñece como campa, único espazo dunha orografía montañosa apto para pacer o gando e sementar o cereal e por onde discorre un curso de auga, dato a ter en conta xa que é posible que os autores dos gravados xa viviran ou desenvolveran aquí a súa actividade agrícola e gandeira hai uns 4.000 anos.

Mámoa atopada en Cervantes, a case 1.300 metros e moi preto do límite co Concello de León / Xabier Moure

Coviñas

As coviñas son ocos de planta redonda e sección semiesférica escavadas na superficie da rocha, e son as representacións máis sinxelas da arte rupestre galega ao aire libre, aínda que quizais as máis enigmáticas. Poden aparecer illadas, formando agrupacións e asociadas a outros motivos, tanto de temática naturalista como xeométrica. Dada a diversidade onde aparecen, temos que pensar que non terían un único significado: recipientes para ofrendas, lugares para recoller a auga que sería utilizada nalgún tipo de ritual, receptáculos para sacrificios, calendarios solares e lunares, símbolos de carácter sexual feminino relacionados coa fertilidade, delimitadores de espazos sagrados ou lugares máxicos, etc. Malia o anterior, ao tratarse dunha arte simbólica, son para nós, en principio e como acontece co resto das representacións, de natureza inintelixible e co único que xogamos son con hipóteses xa que este sistema de comunicación desapareceu xunto coas persoas que os xeraron, incluso cabe a posibilidade de que o seu significado só fose comprensible para determinados membros daquela sociedade.

Con esta, son 14 as estacións con petróglifos localizadas polo noso colectivo no concello de Cervantes. Tanto a descuberta da mámoa como a dos petróglifos xa foron comunicadas por correo electrónico ao Servizo do Patrimonio Cultural en Lugo para que proceda a súa catalogación e ao Concello de Cervantes.

Escrito por

Divulgador e investigador do patrimonio. Impulsor do colectivo Patrimonio dos Ancares

Pode que che interese...