Imaxe LIDAR coa esquina suroriental do suposto campamento romano do Campo do Circo ou Cortiña dos Mouros, entre Cervantes (Galicia) e Balboa (León)

Que fai un campamento romano entre Galicia e León e a case 1.300 metros de altitude?

O Campo do Circo ou Cortiña dos Mouros atópase na serra dos Ancares, a cabalo entre as parroquias de Balboa (O Bierzo) e Vilarello (Cervantes). E alí podería situarse o campamento romano máis alto de Galicia estudado ata o momento. Así o cre, cando menos, Julio Vidal Encinas que foi o primeiro en estudalo en 2015. Tamén Andrés Menéndez Blanco, David González Álvarez e José Manuel Costa García publicaron unha descrición completa sobre este campamento ese mesmo ano. Está situado a 1.294 metros de altitude, nun monte que presenta unha morfoloxía practicamente achairada, cun bo dominio visual sobre as cabeceiras dos ríos Navia e Balboa, que actúa como divisorio de augas.

No ano 1998, Mañanes Pérez é o primeiro en situar aquí un posible asentamento, indicando a existencia dun muro, se ben non se comprobou sobre o terreo. O propio topónimo, O Circo (latín circus), que en principio denunciaría un terreo de forma circular ou semicircular nun monte, tamén podería facer alusión (ademais de a un círculo lítico prehistórico) a un circo romano pola súa forma alongada.

Fotograma do Voo Americano de 1945-46 (Fonte Vidal Encinas, 2015) do suposto campamento romano do Campo do Circo ou Cortiña dos Mouros, entre Cervantes (Galicia) e Balboa (León)

No ano 2000, a empresa Terra Arqueos redactou unha ficha para a Carta Arqueolóxica de Balboa designándoo como “lugar de habitación indeterminado” pero consierándoo como un antigo asentamento que podería estar relacionado coas mámoas dos Forniños (Vidal Encinas, 2015). En efecto, ao sur deste posible xacemento, distante uns 550 metros, nunha paraxe de monte baixo pertencente ao Bierzo, documéntanse tres túmulos do Neolítico (o Inventario de Patrimonio da Xunta de Galicia sitúa a mámoa número 1, erradamente, en territorio galego). Recentemente, os do Colectivo Patrimonio dos Ancares localizaron outras dúas mámoas ao norte, xa en terras do concello de Cervantes, a uns 150 metros do asentamento.

A importancia das novas tecnoloxías para detectar estes bens

Aínda que os restos sobre a superficie apenas son perceptibles, a utilización das novas tecnoloxías (fotografías aéreas, LIDAR, etc.) evidencian a existencia dun posible campamento de cronoloxía altoimperial romana. Tomando como referencia as fotos aéreas históricas, o recinto, de forma tirando a trapezoidal, tería unhas 4 hectáreas. Na actualidade só se aprecia de forma case imperceptible, debido á mesta vexetación, un parapeto ou cerco en ángulo recto (uns 160 x 85 metros) na parte do Bierzo; no lado galego as repoboacións forestais e a apertura de devasas e camiños arrasáronno na súa totalidade.

Este campamento da Cortiña dos Mouros, xunto co da Serra da Casiña, en Valverde (Balboa), gardan certa relación co trazado da vía XIX do Itinerario de Antonino a través do porto do Portelo ou cos pasos naturais existentes con anterioridade á calzada romana (Menéndez Blanco et al., 2015), en cuxas proximidades se localiza a aldea do Comeal (ou Cumial) onde se documentou un agger da vía. Entre ambos os dous campamentos hai pouco máis de seis quilómetros. Por outra parte, no extremo occidental, a uns vinte quilómetros do Campo do Circo, descubríronse no ano 2010 os campamentos romanos da Recacha (Navia de Suarna) e a Granda das Xarras (Ibias, Asturias-Candín, León) que dominaban os pasos de montaña que unen os Ancares e Ibias.

Ás mámoas dos Forniños dende o campamento romano do Campo do Circo / Xabier Moure

Campamento temporal das guerras Galego- Astur-Cántabras?

As características destes sitios arqueolóxicos indican que se trata duns castra aestiva de cronoloxía altoimperial romana, uns campamentos temporais construídos polo exército romano no decurso das campañas militares durante as Guerras Galego- Astur-Cántabras (29-19 a.C.). Estas construcións actuaban como base de operacións onde se acuartelaban as tropas, onde se abastecían ás que estaban na fronte, lugar de retirada no caso de seren fustrigados polas forzas locais, exploración dunha zona con recursos mineiros, infraestrutura de apoio á construción de camiños, etc.

Nos meses de febreiro e marzo de 2017, integrantes do noso colectivo peiteamos a zona removida polas máquinas (devasas) e as gabias feitas para a plantación de piñeiros (a parte mellor conservada, a do Bierzo, está cuberta por unha densísima matogueira) na procura dalgúns restos; a busca resultou infrutuosa, se ben é certo que neste tipo de asentamentos non é doado atopalos.

Situación do campamento romano do Campo do Circo / Xabier Moure

As lendas

No ano 2011, uns veciños de San Miguel de Vilarello de avanzada idade contáronnos que no lugar había tres fornos de pedra para facer o cal que logo se utilizou na construción do castelo de Doiras. De aquí, tamén nos dixeran, os mouros levaban o ouro para agochalo na coñecida como Pena dos Mouros, situada non moi lonxe, preto da aldea de Riamonte de Baixo.

Para coñecer a cronoloxía do momento de ocupación do campamento do Campo do Circo (e do resto) é preciso emprender unha serie de prospeccións e escavacións arqueolóxicas que nos poden amosar o protagonismo que tivo a serra dos Ancares no período de conquista e dominación romana de Galicia, e unha visión distinta das coñecidas como Guerras Astur-Cántabras, denominación que cremos pouco atinada.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e premendo as teclas Ctrl+Entrar.

Escrito por

Divulgador e investigador do patrimonio. Impulsor do colectivo Patrimonio dos Ancares

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: