Pía atopada no monte das Areeiras, en Pontedeume / Xabier Moure

Atópase unha pía de pedra inédita nun monte de Pontedeume

Dous petroglifos inéditos foron atopados no concello de Pontedeume. O primeiro foi no monte das Areeiras, na aldea da Regueira, parroquia de Ombre, a uns 400 metros de altitude sobre o nivel do mar. Trátase dunha pía de forma ovalada (17 por 12 centímetros), con canle de saída, situada na parte superior dunha rocha granítica. Nas inmediacións hai varias mámoas catalogadas moi alteradas pola maquinaria pesada utilizada para a plantación de eucaliptos sen control arqueolóxico.

Os segundos petroglifos foron atopados no monte coñecido como A Chousa do Conde, parroquia de Andrade, a uns 300 metros do castelo da Nogueirosa e a uns 30 metros do límite co concello de Vilarmaior. Trátase dun pequeno afloramento rochoso que apenas sobresae do chan onde se ven tres coviñas de 9, 11 e 13 centímetros de diámetro. Da última cazoleta, situada na parte máis alta da pedra, parte unha canle. A maleza e os eucaliptos inzan o lugar.

Petróglifo atopado no monte coñecido como A Chousa do Conde, en Pontedeume / Xabier Moure

Ata o momento, segundo figura no PXOM aprobado o 27 de maio de 2016, no concello de Pontedeume había dous petroglifos inventariados non moi lonxe dos que veño de documentar: o petroglifo da Regueira cunha coviña de 7 centímetros de diámetro (catalogado co código GA15069REF1), e outra pena con dúas coviñas de 5,5 e 9 centímetros de diámetro na Chousa do Conde (catalogadas co código GA15069REF2.

Este luns as novas descubertas fóronlle comunicadas ao Servizo do Patrimonio Cultural na Coruña para que proceda á súa catalogación, e ao Concello de Pontedeume.

Para que poderían servir as coviñas?

As coviñas son ocos de planta redonda e sección semiesférica escavadas na superficie da rocha, e son as representacións máis sinxelas da arte rupestre ao aire libre (aínda que quizais as máis enigmáticas) dentro do repertorio das insculturas galegas. Poden aparecer illadas, formando agrupacións e asociadas a outros motivos, tanto de temática naturalista como xeométrica, atopándose, en maior ou en menor medida, na maioría dos complexos rupestres.

Dada a diversidade onde aparecen, temos que pensar que non terían un único significado: recipientes para ofrendas, lugares para recoller a auga que sería utilizada nalgún tipo de ritual, receptáculos para sacrificios, calendarios solares e lunares, símbolos de carácter sexual feminino relacionados coa fertilidade, mapas terrestres e celestes, delimitadores de espazos sagrados ou lugares máxicos, etc. Malia o anterior, ao tratarse dunha arte simbólica, son para nós, en principio e como acontece co resto das representacións, de natureza inintelixible e co único que xogamos son con hipóteses xa que este sistema de comunicación desapareceu xunto coas persoas que os xeraron, incluso cabe a posibilidade de que o seu significado só fose comprensible a determinados membros daquela sociedade.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e premendo as teclas Ctrl+Entrar.

Escrito por

Divulgador e investigador do patrimonio. Impulsor do colectivo Patrimonio dos Ancares

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: