Centroña o castro ó pé mar ártabro no que se atopou o famoso torque será escavado
O Concello de Pontedeume prevé recuperar e escavar o Castro de Centroña, un castro ó preto do mar onde se atopou un dos torques máis famosos de Galicia. Así o anunciaba o alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández e a concelleira Yolanda Vázquez a comezos desta semana tras unha reunión cos propietarios dos terreos onde se atopa o xacemento.
A intención é que o recinto poida ser escavado nos próximos anos coa colaboración dos alumnos do Mestrado en Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade que impartirán conxuntamente as tres universidades galegas. Segundo o alcalde as conversas para adquisición dos terreos están xa moi avanzadas e poderán comezar a formar parte do patrimonio do concello moi pronto.

Castro de Centroña / foto Xosé AntonioCCBY Wikimedia
Unha ruta polos restos arqueolóxicos do concello.
O obxectivo é, nun primeiro momento, que se poida facer unha primeira fase de escavación e valorización deste xacemento. Unha vez analizado se disporá unha solicitude para declaralo Ben de Interese Cultural. Ademais o consistorio ten en mente crear unha ruta polos restos arqueolóxicos do concello incluíndo castro, vila romana mámoas, petroglifos ou o Torreón dos Andrade.

Torque de Centroña / fotopontedeumeturismo.es
O castro de Centroña é un xacemento previsiblemente da Idade do Ferro situado no cumio dun monte de escasa altura ó pé da ría de Pontedeume, en pleno corazón do Golfo Ártabro e con inmellorable presenza sobre el. No xacemento atopouse no ano 1912 un torque de ouro coñecido como o torque de Centroña que é un dos máis coñecidos de Galicia. Atópase no Museo Provincial de Lugo.