fbpx
Os eucaliptos danan a mámoa 1 de Espadanido, no campo de mámoas das Campaniñas, en Ferrol
Os eucaliptos danan a mámoa 1 de Espadanido, no campo de mámoas das Campaniñas, en Ferrol

Outra mámoa esnaquizada por eucaliptos a un quilómetro de onde foi denunciado outro atentado similar

Tempo de lectura: 2 min.

Outra vez unha mámoa e outra vez os eucaliptos. E, nesta ocasión, o delito é dobre porque aconteceu a un quilómetro de onde hai pouco máis de dous meses esta mesma web informaba doutro caso similar. Entón era unha mámoa de Mougá, na parroquia de Doniños, en Ferrol. Desta volta é a Mámoa 1 de Espadanido, na parroquia de Esmelle, tamén no mesmo concello.

Os eucaliptos danan a mámoa 1 de Espadanido, no campo de mámoas das Campaniñas, en Ferrol

Esta mámoa atópase catalogada cun conxunto doutras trece que forman un gran enterramento megalítico, e que se coñece como mámoas das Campaniñas. Segundo informou un lector deste portal, neste ben catalogado baixo o rexistro GA15036020 do planeamento urbanístico de Ferrol, volveron chantar unha plantación de eucaliptos. Estes feitos xa foron denunciados ao Concello e a patrimonio, como noutros casos anteriores.

Tamén en marzo, HdG informaba de que os activistas patrimoniais Luis S. Seoane e Xabier Moure presentaran no Servizo do Patrimonio Cultural na Coruña e no Concello de Ferrol unha denuncia tras unha nova agresión a unha mámoa de Mougá.

A agresión tiña lugar hai poucos días ao acondicionar o terreo para unha plantación de eucaliptos con maquinaria pesada, concretamente, unha desbrozadora de cadeas. Unha agresión que afectou gravemente á masa tumular. A necrópole megalítica de Mougá está formada por máis de 20 enterramentos que teñen unha antigüidade que vai do 5000 ao 2500 antes de Cristo.

Pode que che interese...