fbpx
Guerra dos 30 anos, Batalla de Rocroi por Augusto Ferrer Dalmau

1640, o ano no que Cataluña se sublevou e os pobos irmáns de Galicia e Portugal deixaron de quererse

Tempo de lectura: 5 min.

Hai máis de 350 anos, galegos e portugueses sementaron a fronteira común de fortíns, atalaias e fortalezas e iniciaron unha guerra que duraría case 30 anos. É a coñecida como Guerra da Restaruraçao no país veciño. Unha guerra que veu imposta por outras que se xogaban contra Francia, Inglaterra e Holanda e que tivo na revolta de Cataluña o chisqueiro que Portugal levaba tempo buscando.

Esa guerra tivo unha fronte principal en Extremadura e unha secundaria, aberta pola Corte Española e por nobres portugueses de Lisboa, en Galicia e o norte de Portugal, que foi rexeitada, desde un comezo, polos galegos e os portugueses que vivían a un e outro lado da raia e que levaban séculos de convivencia.

Ese ano, 1640, os portugueses iniciaron unha revolta en Lisboa contra os reis españois, a casa dos Austria, que gobernaba tamén Portugal desde 1580 tras a morte sen descendentes do rei Sebastiao I de Portugal na batalla de Alcazarquivir e do seu sucesor e tío-avó Henrique I de Portugal. Entón elixiron a Felipe de Habsburgo, rei de España, tamén neto de Manuel I por liña feminina.

Unión ibérica

Durante varios anos a unión ibérica funcionou, especialmente, en zonas coma Galicia, cunha forte relación con Portugal desde a Idade Media. O monarca español comprometeuse, ademais, a manter e respectar os foros, costumes e privilexios dos portugueses. Pero, co tempo, o menoscabo de privilexios da nobreza nacional foise agravando, coa aristocracia preocupada coa perda dos seus postos e rendementos. Os impostos aumentaban e sobre todo, os burgueses comezaron a ver afectados os seus intereses comerciais. As posesións portuguesas estaban ameazadas por ingleses e holandeses, en competencia e rivalidade co imperio español, e as frotas españolas non daban a protexer simultánea e adecuadamente as súas extensas rutas e portos ao redor do mundo.

Portugal xa non podía negociar a paz cos seus inimigos e o seu destino dependía da Corte de Madrid, e por tanto, os intereses portugueses víanse arrastrados a unha situación de perigo permanente, que antes da unión fora máis fácil de conxurar. A pinga que colmou o vaso foi a intención do conde-duque de Olivares en 1640 de usar tropas portuguesas contra os cataláns que se sublevaran en xuño dese ano nun conflito armado que durou 18 anos e que se coñece como Guerra dels segadors.

Fortaleza de Lovelhe, en Portugal

Cataluña

Os portugueses negáronse a loitar en Cataluña. O cardeal Richelieu aproveitou o momento de debilidade española, con varios frontes abertos, tamén en Holanda, coa Guerra dos trinta anos e, mediante os seus axentes en Lisboa, convenceu a João IV, duque de Bragança, neto de Catalina de Portugal para que se sublevara e coroara como rei.

Aproveitándose da falta de popularidade da gobernadora Margarita de Saboya, e do seu secretario de estado Miguel de Vasconcelos, os líderes separatistas portugueses encabezados por Miguel de Almeida dirixiron unha conspiración e o 1 de decembro de 1640 nomearon como rei de Portugal ao duque de Bragança. O arcebispo de Lisboa, Rodrigo da Cunha foi nomeado lugartenente xeral de Portugal. Comezaba entón a Guerra de Restauraçao de Portugal que non remataría ata 28 anos despois, en 1668.

Unha guerra odiada na raia galego-portuguesa e que provocou unha fenda tan grande entre dúas culturas, até entón irmáns, que chegan ata os nosos días. Foi tal a dor, a morte e a destrución deses anos, que as relacións comerciais entre as dúas beiras do Miño estiveron practicamente fechadas ata case o século XIX. Tivo que ser outra tropa invasora, desta volta francesa e comandada por Napoleón, a que volveu a unir a aqueles irmáns que levaban anos sen falarse.

Fortaleza de San Lourenzo, en Goián / Concello de Tomiño

E comezou a guerra

O comezo da guerra foi inestable, con pequenos movementos. Galegos e portugueses comezaron a fortificar as grandes vilas, Tui, Salvaterra ou A Guarda, no lado galego e Caminha, Vilanova de Cerveira e Valença do Minho no lado portugués. A Galicia chegaron tropas mercenarias de Flandes e de Italia que só sabían a linguaxe da loita e da guerra. A corte española comezou a gravar con impostos aos galegos para pagar esas tropas e, por riba, ordenou o recrutamento de milicias en vilas e cidades o que provocou protestas e mesmo, motíns, como o que tivo lugar na Coruña.

Con todo, o conflito foi inevitable. En 1642, os portugueses conquistan Salvaterra, que non abandonarían ata que os galegos conquistaron Monçao e Lapela en 1658. Tras varias novas escaramuzas, os portugueses atacan de novo en 1663 e conquistan a vila da Barca de Goián, fronte a Cerveira, que quedou reducia á nada. Alí vivían máis de 200 persoas antes da guerra nunha zona que, despois, quedou convertida nun auténtico campo de batalla. Os portugueses reforzaron a fortaleza de San Lourenzo e construíron outras dúas máis, a da Concepción e o forte de Chagas. Xunto con outras catro que tiñan no lado portugués crearon un importante complexo defensivo que uniron a través dunha ponte de barcas. Desde aí lanzaron novas incursións por Vigo, O Porriño, Gondomar e A Guarda, chegando a dominar esta vila e a súa fortaleza, a de Santa Cruz.

Visión de Vilanova da Cerveira desde a fortaleza de San Lourenzo, en Goián / Concello de Tomiño

Os galegos respostaron penetrando desde Amorín, tamén en Tomiño, en Sao Pedro da Torre, e construíndo un novo forte, o de San Luis Gonzaga. Tamén tiveron que facer outro ás presas en Estás, tamén en Tomiño, o de Santiago Carrillo, unha enorme fortaleza que podía conter ata 5.000 homes e que tiña por finalidade conter os arroutos dos portugueses desde Goián. Tal foi a virulencia dos combates que mesmo se constituíu o primeiro Batallón Literario en Compostela que acudiu, precisamente, a ese forte de Santiago Carrillo.

A fin dunha longa relación

Amigos, pais, fillos e avós que naceran a un e outro lado da fronteira vironse na obriga de combatir nunha guerra imposta e que rematou por fracturar sociedades irmáns. A historia deses anos de guerra, 1640-1668, é aínda descoñecida pero está moi presente na tradición popular da zona. Un importante e interesante traballo da arqueóloga viguesa Rebeca Blanco-Rotea sacou á luz todo ese complexo sistema defensivo que hai a un e outro lado da fronteira galega e que viviu esquencido durante centos de anos. En total, case medio cento de estruturas defensivas, entre torres, castelos, fortalezas, fortíns ou atalaias.

E parte dese sistema defensivo construído en Vilanova da Cerveira (Portugal) e en Goián (Tomiño) será visitado este sábado dentro do proxecto Rutas de Historia. O conxunto componse de seis fortalezas na zona galega, todas elas situadas no concello de Tomiño: Fortaleza da nosa Señora da Concepción, Forte de San Lorenzo, Forte das Chagas, Torre dos Correa e Torre dos Ratos (os cinco no lugar de Goián) e o Castelo de Medos (no lugar de Estás); e catro na parte portuguesa: a Praça Forte de Vilanova de Cerveira, o Castelinho (Vilanova), a Atalaia do Espírito Santo e o Forte de Lovelhe.

Escrito por

Xornalista, profesor da USC e coordinador do HdG.

Pode que che interese...