Mámoa desfeita en Oza-Cesuras por maquinaria pesada ano e medio despois de sufrir outra agresión / Xabier Moure

Maquinaria pesada arrasa por segunda vez un túmulo funerario de hai máis de 5.000 anos en Oza-Cesuras

No mes de abril do pasado ano, o investigador Luis S. Seoane máis eu denunciamos ante o Servizo do Patrimonio Cultural na Coruña a gresión a dúas mámoas da necrópole megalítica dos Montes do Gato, na parroquia de Rodeiro, no concello de Oza-Cesuras, onde hai catalogadas máis dunha vintena de enterramentos datados entre o 5000 e o 2500 a.C. A agresión producírase por unha tala de eucaliptos con maquinaria pesada.

Despois da denuncia parouse a plantación de eucaliptos prevista en dita parcela pero, transcorrido ano e medio, a semana pasada comprobamos que unha daquelas mámoas (catalogada en Patrimonio co código GA15603044) fora violentada de novo con maquinaria pesada ao acondicionar o terreo para unha nova plantación, producíndolle gravísimas alteracións.

Agresión a unha mámoa en Oza Cesuras con maquinaria pesada / Xabier Moure

No día de hoxe presentamos polo Rexistro Xeral da Xunta de Galicia unha nova denuncia ante o Servizo do Patrimonio Cultural na Coruña para que, dunha vez por todas, se tomen medidas urxentes para parar a desfeita e, a un tempo, se abra un expediente sancionador contra os responsables destes atentados contra o patrimonio.

Está máis que claro que aquí non cabe alegar descoñecemento, como dixo o alcalde cando as agresión do ano pasado, si premeditación, quen ordenou actuar sobre a mámoa era consciente do que había. Lamentablemente, xa nada se pode facer por este importantísimo ben patrimonial, pero a Administración debe actuar de forma inmediata e con contundencia, e así llo requirimos, contra o responsable ou os responsables dos atentados e, de ser o caso, de quen os permitiron. Con independencia das responsabilidades penais que puideran derivarse, a Xunta de Galicia, despois de comprobar os danos, debe aplicar o procedemento sancionador previsto na vixente Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, considerando isto como unha falta moi grave que conlevaría unha sanción que vai dende 150.001 a 1.000.000 de euros.

Nas fotos pode observarse os profundos sucos ocasionados pola desbrozadora de cadeas.

Mámoa desfeita en Oza-Cesuras por maquinaria pesada ano e medio despois de sufrir outra agresión / Xabier Moure

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Divulgador e investigador do patrimonio. Impulsor do colectivo Patrimonio dos Ancares

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: