fbpx

Seguen a aparecer novas mámoas: Patrimonio dos Ancares descubre dúas en Xermade

Tempo de lectura: < 1 min.

Unha tala de piñeiros foi o feito que permitiu a descuberta de dúas mámoas no concello de Xermade, cuxa existencia se descoñecía. Así o notificou o Colectivo Patrimonio dos Ancares, que xa comunicou o achado á Xunta de Galicia, estando agora á espera da catalogación dos monumentos megalíticos. As árbores, que foran plantadas fai uns 50 anos, impedían que as mámoas foran visibles.

Ubicadas a 570 metros de altitude, no monte Egualonga, teñen uns diámetros de 21 e 22 metros, e unha altura duns dous metros cada unha. Trátase de dúas mámoas que se suman ás 169 catalogadas en todo o concello, o que converte a Xermade nun dos lugares con maior número de enterramentos neolíticos, todos eles cunha antigüidade duns 6.000 anos aproximadamente.

“A gran maioría das mámoas do concello de Xermade sufriron actuacións furtivas para buscar tesouros dende hai séculos”, explican dende Patrimonio dos Ancares, como recollen en TeracháXa. “Tesouros poucos deberon atopar, pero a desfeita foi letal”, engaden.

Xunto as mámoas, que foron localizadas por Manuel Ruibal e Ramiro J. Freire, destacan laxas de pedra planas que se atopan ao carón das construcións, e que unha primeira hipótese as considera que poderían formar a cuberta das cámaras funerarias. Máis información en TerracháXa.

Pode que che interese...