fbpx

Unha mostra recolle os oito séculos de historia da artesanía da pratería e acibeches en Santiago

Tempo de lectura: < 1 min.

De forma paralela á tradición xacobea, naceron en Santiago de Compostela dúas artesanías que se consagraron como tradicionais da capital de Galicia. Entre as rúas do casco histórico forxáronse oito séculos de historia dos gremios artesanais de pratería e acibeches, e cuxa relevancia se amosa nunha nova exposición que recolle un cento de pezas froito do traballo dos artesáns entre os séculos XIII e XX.

A mostra “O Esplendor do Camiño. Oito séculos de Pratería e Acibeches en Compostela” poderá visitarse ata o 24 de setembro, no Salón Artesoado e a Capela do Colexio de Fonseca. A exposición representa “unha imaxe potentísima do noso gremio” que permite “dar a coñecer o noso traballo”, como destacou o presidente de Ourives de Compostela, Arturo Ouro.

Organizada segundo o carácter civil ou relixioso das pezas, a mostra recolle obxectos de diferente tipoloxía, representatividade, cronoloxía e autoría. Dende cálices, copóns e cruces parroquiais rosarios ou imaxes devocionais, no caso das pezas relixiosas, ata cuncas, pratos, xoias e amuletos, naquelas de categoría civil, poderán contemplarse no colexio de Fonseca.

“Pratería e acibeches, salvando as funcionalidade do seu material comparten con poucas diferenzas xéneros e tipoloxías, chegando nos derradeiros a converxer e complementarse”, explican dende a USC. Con esta exposición, o obxectivo é amosar a importancia dunha actividade artesá que está fortemente arraigada en Santiago de Compostela.

Na presentación de “O Esplendor do Camiño”, que tivo lugar o pasado 18 de xullo, participaron a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias Fernández; o presidente de Ourives de Compostela, Arturo Ouro; o concelleiro de Turismo, Gumersindo Guinarte; e o comisario da exposición, Fernando Martínez Vilanova.

Pode que che interese...