fbpx

Patrimonio desenténdese do derrubamento dunha porta medieval en Outeiro de Rei

Tempo de lectura: 2 min.

A casa reitoral de Outeiro de Rei atópase no punto de mira tras o derrubamento dun muro, no cal había unha porta medieval. Trátase dun feito denunciado polo BNG da localidade, que critica as actuacións que se levaron a cabo nas diferentes construcións e terreos da casa reitoral da vila.

Nos últimos meses comezaron labores de restauración na casa reitoral, que segundo un proxecto presentado no 2020 se convertería nun novo centro de día no concello. Este proxecto implicou a adquisición da propiedade, e nel asegurábase que se respectaría o estado orixinal da construción. Porén, as obras de rehabilitación, que tiveron lugar nos últimos meses abriron críticas, pois dende o BNG denunciou o derrubamento dunha porta medieval, polo que demanda explicacións por parte de Patrimonio.

A porta, que destacaba pola súa antigüidade e feitura, atopábase nun dos muros ao carón do Camiño Real e detrás do Pazo dos Gaioso. Agora, no lugar só hai unha morea de pedras, que dende o partido da oposición temen que se deterioren ou sufran máis danos. É por iso que a deputada Olalla Rodil levou o acontecido ao Parlamento a través dunhas preguntas acerca das pedras que formaban a porta.

As institucións non contestan a nada do que se lles reclama e o alcalde de Outeiro de Rei dinos que no proxecta aparece reflectido que ditas pedras se volven colocar, pero revisado o proxecto nel non aparece tal cousa”, explica a concelleira Elvira Lombao, como publica 21noticias.

O pasado mes de abril, El Progreso recollía pola súa banda as declaracións de do alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo Lombao, que aseguraba que as pedras serían recolocadas no seu lugar orixinario. “O muro que se desmontou corría o risco de caer na vía pública, polo que se decidiu desmontalo para evitar calquera accidente”, explicaba Lombao, “As pedras foron xa numeradas e están preparadas para que, cando chegue o momento, poidan volver montarse”.

Dende o Bloque Nacionalista critican a pasividade de Patrimonio, e demandan unha investigación “por ter arrasado deste modo un elemento patrimonial”.

Pode que che interese...