fbpx
Enterramento de Pedras Miúdas, en Mazaricos / mazaricos.gal

Pedras Miúdas, o “epicentro” do megalitismo en Galicia

Tempo de lectura: 3 min.

A recente descuberta da necrópole de Pedras Miúdas, preto do mirador de Corzón, en Mazaricos converteuse en toda unha verdadeira revolución. O concello e a Dirección Xeral de Patrimonio xa están acometendo a limpeza e sinalización da necrópole para deixala á vista e podela aproveitar turísticae culturalmente.

Por iso, e aproveitando o patrimonio do concello, a arqueóloga Municipal, Nina Alvela, quere aproveitar este potencial para colocar a Mazaricos no epicentro do Megalitismo galego á espera de que se faga o tan cacarexado Parque do Megalitismo galego que leva oculto nos caixóns desde os gobernos de Manuel Fraga.

E porque Mazaricos quere ser o centro do megalitismo galego?. “Porque está situado nunha altiplanicie, motivo polo cal ten numerosas e diversas necrópoles tumulares”, explica Alvela. E é que nesta zona hai desde dólmens a mámoas, pasando por cistas. Os túmulos de Pedras Miúdas están datados entre o 4.500 e o 3000 a.C”.

Do total das 11 mámoas que compoñen a necrópole, a máis impoñente é unha que ten 24×27 metros nas coordenadas norte-sur e leste-oeste e case dous metros de alto. Porén, para Alvela foi “un desgusto” ver que nunha das zonas ten un buraco feito por unha retroexcavadora. A arqueóloga asume que é “por descoñecemento” e por iso é “tan importante o coidado, sinalización e preservación dos xacementos”.

Profanacións

En todas as mámoas vese claramente o con de profanación, é dicir, o lugar por onde no século XVI, XVII e XVIII se profanaron os enterramentos megalíticos en busca de tesouros. De feito, ata existiu unha orde real en tempos de Felipe II para buscar estes supostos tesouros.
“No que estamos traballando agora é en procurar financiamento para darlle máis valor á excavación para analizar materiais textís ou doutro tipo que poida haber dentro”, explicou Alvela. Do mesmo xeito engadiu que o seu proxecto é “non deixar as mámoas destapadas aínda que escavemos, pois realmente, xa na antigüidade estaban tapadas e abertas deterióranse”. Tamén explicou que “a idea é deixar aberta e visible a galería de entrada”.

Nenos de Mazaricos no campo megalíticos de Pedras Miúdas / mazaricos.gal

A idea de recuperar as mámoas implica que o coñecemento das mesmas permita que non sufran deterioros. Unha das actividades para dalas a coñecer son aulas polos colexios. Deste xeito, Alvela imparte clases maxistrais para os nenos e nenas dos colexios do Concello. Hai uns días subiu con eles ao castro do Monte Aro para amosarlles in situ os conceptos que previamente lles explicara. Ademais, en xaneiro levarase a cabo un torneo intercolexios para que os e as cativas “busquen e expoñan o patrimonio que teñen nas súas aldeas”, explicou Alvela.

Charlas

Tamén, e dada a importancia megalítica de Mazaricos, en xaneiro terá lugar un ciclo de charlas con expertos neste tema para “divulgar e publicitar o noso patrimonio”, según explicou o alcalde, Juan José Blanco Riveiro. Dito ciclo, “O Patrimonio Arqueolóxico. Mazaricos”, será o 19 de xaneiro para público adulto e rapaces de secundaria. Desenvolverase na Casa da Cultura da Picota.

A primeira conferencia impartiraa Antón A. Rodríguez Casal, profesor titular da USC e leva o título: “A necrópole megalítica da Parxubeira no contexto arqueolóxico das Terras do Xallas”. A continuación será o turno de Josefa Rei Castiñeiras, profesora titular da USC: “Mazaricos hai 2.400 anos. Os poboados coñecidos e datos da súa vida no castro de Recarea O Barral”. Pechará o ciclo Xulio Carballo Arceo do Servizo de Patrimonio Cultural, Xefatura Territorial de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria con “A protección do patrimonio arqueolóxico”.

Pode que che interese...