fbpx
Vista da ría de Vigo / A.Cenamor-thefaceoflife.com

As orixes de Vigo, Vicus Aeleni ou Vicus Caeleni?

Tempo de lectura: 4 min.

Este artigo tenta ser unha aproximación e recreación da toponimia antiga da cidade de Vigo.

Vicus Caeleni, capital dos celenos

Existe un interese crecente por coñecer o nome latino e romano da actual cidade de Vigo. As teorías máis tradicionais ou antigas fan derivar a Vigo dun Vicus Spacorum recollido no Itinerario Antonino. Hoxe en día sabemos que ese Vicus Spacorum é unha deformación de Vicus Caporum, o vicus da tribo dos Caporos, unha tribo que comprendía as terras entre Santiago de Compostela e Lugo, e concretamente Vicus Caporum  correspóndese coa aldea de Vigo, no concello de Rois.

Temos claro que o nome de Vigo deriva dun vicus romano, pero cal é o apelativo que acompañaba a ese vicus romano. As fontes clásicas como Plinio ou Estrabón falan da tribo dos Hellenos, que preceden a tribo dos Grovios, estes últimos habitan na Serra da Groba da cal toman o seu nome. Tamén sitúa ós Hellenos como inmediatamente despois dos Cilenos ou Celenos, unha tribo do convento lucense situada no entorno da actual Caldas de Reis. Os Celenos serían a tribo comprendida entre Caldas de Reis (Aquis Celenis) e Tui (Tude), e os Hellenos serían a tribo que habitaba concretamente a área da cidade de Vigo. Para Fermín Pérez Losada o apelativo de Vigo sería, polo tanto, Vicus Helleni, Eleni, Elanei, Aeleni, e o castro de Vigo sería Elaneobriga. Pero engade Pérez Losada, e aquí vén o interesante da cuestión, que Eleni, Helleni, Elanei ou Aeleni seguramente sexan unha deformación dun nome indíxena, una reprodución corrupta dun nome indixena que se “helenizou” por similitude sonora en vicus “helleni”, o Vigo dos Helenos ou dos gregos. Eu defendo que o Vicus Aeleni que sostén Fermín Pérez Losada é unha deformación, unha transcrición fonética errada dun Vicus Caeleni, e o castro de Vigo chamaríase, daquela, Caelobriga, o castro do ceo e capital dos Celenos.

Museo do Mar, en Vigo, onde estará custodiado o pergamiño Vindel / DUVI

O topónimo Alcabre

Caelo, caelum é o nome latino de ceo, e non nos debe chamar a atención, pois a cidade de Vigo e o castro de Vigo posúe un dos firmamentos ou horizontes máis espectaculares de Galicia. O “skyline” das illas Cíes e as súas postas de sol son impresionantes. Resulta curioso que o castro de Vigo se sitúe precisamente cara ó Poñente, sobre unha atalaia para contemplar os inigualables solpores da cidade de Vigo. Polo visto, tamén para os romanos Vigo era a cidade celeste. Se o castro de Vigo se chamaba  Caelobriga, entón o nome resultante en lingua romance sería algo así como CALABRE ou CABRE. Curiosamente, o límite máis occidental do Calabre sería a Punta del Calabre ou Punta del Cabre, que derivou en Punta de Alcabre. O topónimo de Alcabre sería, xa que logo, o único remanente existente na actualidade de ese Calabre primitivo derivado de Caelobriga, o castro dende o cal observar o ceo. Dende os altos de Cabral, onde nace o río Lagares, ata a Punta de Alcabre esténdense o val e os dominios do castro de Caelobriga (Vigo), Calabre ou Cabre en lingua romance.

Vigo sería a capital da tribo dos Celenos ou Caelenos, que se estendería dende o sur da ría de Vigo ata Aquis Celenis (Caldas de Reis), no linde entre as provincias de Pontevedra e A Coruña, onde se atopaban os baños ou termas dos Celenos, de aí o nome de Aquis Celenis, pero todo formando parte da mesma tribo ou etnia.

Vicus Celeni (Vigo), como capital da tribo dos Celenos, foi un importante porto marítimo e comercial en época Antiga, o máis importante da área sur de Galicia, e a onde chegaban barcos procedentes do Mediterráneo. En época romana Vigo era un enclave destacado na costa oeste da península ibérica. Deste xeito vénse abaixo o mito de que Vigo é unha cidade sen historia propia. Vigo é unha cidade que ten unha historia parella á de outras cidades galegas coma poden ser Lugo, Ourense, A Coruña, Santiago ou Pontevedra.

Illas Cíes / turismo.gal

E as illas Cíes?

Outro topónino curioso relacionado co ceo é o das illas Cíes. O seu nome deriva da raíz indoeuropeaKwye- co significado de “quedas, tranquilas, fixas”, e non é de estrañar, porque observando os flamíxeros solpores das illas Cíes un pode percibir como o sol se desplaza no firmamento ó longo do ano, mentres que as Cíes son as únicas que permanecen estáticas e fixas no seu lugar. No solsticio de inverno o sol ponse pola bocana sur da ría e no solsticio de verán o sol ponse pola bocana norte da ría de Vigo. No equinoccio, pola contra, sitúase sorprendentemente entras as dúas illas. Un pode observar o desprazamento do sol ó longo do ano, namentras que as illas Cíes son as únicas que se manteñen fixas no seu lugar, algo realmente chamativo. As illas Cíes serían algo así como as illas Quiescentes.

É, polo tanto, o castro de Vigo a atalaia natural dende onde observar o firmamento, o desprazamento do sol e dos astros en toda a súa magnitude coa referencia das Cíes sempre quedas, un feito inexplicable que chamou a atención dos antigos vigueses.

Dende Caelobriga, capital dos cilenos e cidade celeste, os antigos vigueses miraban cara o ceo, como fan hoxe en día.

No Museo Quiñones de León atópanse tres estelas funerarias de persoas que residiron en Vigo en época romana procedentes de Clunia Sulpicia, en Peñalba de Castro (Burgos). É de esperar que exista reciprocidade de familiares vigueses en Clunia. E, efectivamente, en Peñalba de Castro atopouse un epígrafe dun tal Soncano Caelenio.

Escrito por

Arquitecto, historiador e investigador

Pode que che interese...