fbpx
Día dos Museos, cartel da Cidade da Cultua de Galicia

Galicia celebra hoxe o Día Internacional dos Museos

Tempo de lectura: 5 min.

Todos os anos o día 18 de maio celébrase en todo o mundo ó Día Internacional dos Museos, un evento promovido polo Consello Internacional dos Museos, o ICOM. O obxectivo é visibilizar e dar a coñecer estes importantes espazos culturais sede dunha parte considerable da historia da humanidade. O día, ademais de ser na meirande parte dos casos unha xornada de portas abertas con entrada gratuíta, ofrece a oportunidade ás institucións de divulgar as súas actividades e sensibilizar á cidadanía dos seus desafíos. En Galicia o Día Internacional dos Museos celébrase todos os anos o día posterior ó Día das Letras Galegas, e en moitas ocasións, como sucede este mesmo ano, coincide cun día de ponte.

Mais todos os anos, ademais de celebrar a importancia destas institucións, o ICOM propón un tema concreto para a reflexión ó redor do feito museístico, como o desenvolvemento sostible, a paisaxe ou o progreso social. Este ano o tema do Día Intenacional dos Museos leva por título  “Museos hiperconectados: Enfoques novos, públicos novos”, xa que a hiperconectividade, a rede mundial de conexións cada vez máis complexa, afecta profundamente ó mundo cultural e ó modo de relacionarse coa súa historia e a intercolaboración entre culturas locais e globais.

Museo do Pobo Galego / cultura.gal

“Resulta imposible entender o rol dos museos sen ter en conta todas as conexións que estes establecen. Son parte inherente das súas comunidades locais, da súa paisaxe cultural e do seu entorno natural. A tecnoloxía permite ós museos chegar, ademais, máis alá da súa audiencia habitual e atopar novos públicos (…) establecendo relacións entre comunidades”, en palabras do propio ICOM. E nunca mellor dito, xa que o Día Internacional dos Museos, creado no ano 1977, a día de hoxe conta xa coa participación de máis de 36.000 museos de 157 países, e con colaboración institucional en a máis de 40 idiomas.

O Día Internacional dos Museos en Galicia

En Galicia os actos por este día dos museos se multiplican ano a ano, e a meirande parte dos museos e centros de exposicións de Galicia desenvolven non so unha xornada de portas abertas senón tamén gran cantidade de actividades nestes días. O Museo da Catedral contou o día de hoxe con visitas guiadas á colección permanente completamente de balde. O Museo do Pobo Galego, un dos máis implicados tradicionalmente con este día, contou o martes día 15 co espectáculo Raposadas de Raquel Queizás, a “lectura literaria” musicada de Gabriel Muleiro Olivos o mércores 16, e a Mostra de Cinema Etnográfico que se fará o vindeiro mércores 23. O Centro Galego da Arte Contemporánea, pola súa banda, escolleu o martes día 15 para celebrar este día, cun concerto de balde do ciclo Correspondencias Sonoras, un singular encontro entre música e arte.

Pezas do Museo Provincial de Ourense / xunta.gal

Pola súa parte a Casa de la Troya, no día de hoxe, a partir das 20.30 desenvolveu un roteiro troiano pola cidade de Santiago de Compostela, e o Museo Pedagóxico de Galicia ofreceu o obradoiro familiar Xogando a detectives no Mupega, tamén de balde. Mais como non podía ser doutro xeito a Xunta puxo o seu ollo nas actividades da Cidade da Cultura, que celebrará o día hoxe e mañá cunha programación especial de visitas comentadas con ata 13 modalidades diferentes. Dentro destas haberá modalidades dende a familiar ou regular á online, través das redes sociais da Cidade da Cultura. Tamén haberá unha versión reducida ou exprés de 30 minutos e unha nocturna, nun xeito distendido e relaxado, no que non faltará unha sesión DJ, e haberá servizo de cafetería no propio Museo.

Lugo, Pontevedra, Ourense e A Coruña e Vigo

En Lugo, na Rede de Museos Municipais -MIHL, Centro de Interpretación da Muralla, Casa dos Mosaicos e Porta Miñá- celebrarase o día con entradas de balde, ampliación de horarios e visitas guiadas. En Porta Miñá, mañá sábado, a partir das 22.00 horas, haberá microactuacións musicais de 10 minutos de duración. Pola súa banda no Museo Provincial de Lugo durante o día de hoxe fixéronse visitas e obradoiros para todas as idades dentro do chamado Proxecto Improntas. Inaugurouse a mostra Incisións, na sala Multiusos, facéndose tamén ó longo de todo o día obradoiros de gravado. Co gallo da Noite dos Museos, o día de mañá desenvolverase o ciclo Iluminándoas, centrado na idea de visibilizar á muller como suxeito activo da arte, con faladoiros, proxeccións e visitas guiadas.

Museo de Pontevedra / turismopontevedra.com

Museo de Pontevedra sumouse á celebración  con visitas guiadas polas salas de Arqueoloxía e coa intervención da ESAD durante a noite de mañá, nas salas de exposición temporais, con interpretación e escenografía baseada neste caso no mundo de Alejandro de la Sota, as 19 e 21.30. En Ourense o Museo Arqueolóxico Provincial contou hoxe ás 21.00h co concerto, no claustro, de Nastasia Zürcher Acoustic Trio, compositora suízo-galega gañadora da categoría “Blues, Funk & Soul” nos Galician Music Awards 2016 (Premios Martín Códax da Música). Tamén contou dende o martes con visitas guiadas e obradoiros didácticos para nenos e maiores.

Museo de Belas Artes da Coruña / Galipedia

Na Coruña, o Museo de Belas Artes contou, ademais da tradicional sesión de portas abertas, cunha sesión de contacontos, un taller de cerámica e, o prato forte, un concerto ás 20 horas de The Lákazans. Nos Museos Científicos da Coruña a entrada será libre, así como na Torre de Hércules. Nas Casas Museo -Casares Quiroga, María Pita e Pablo Picasso- ofreceranse actividades específicas o sábado 19, como un photocall hiperconectado, un espectáculo de improvisación teatral ou visitas exprés de 15 minutos ás instalacións. O Museo arqueolóxico terá entrada gratuíta e estará aberto no día de mañá ata as 24.00.

Por último en Vigo tamén se reforzará a oferta habitual. No Museo do Mar de Galicia, a xornada será de portas abertas con horarios estendidos ata as 22.00 horas. Mais a gran celebración será mañá sábado cando se faga unha Ruta Marítima dende o propio museo ata a Illa de San Simón. O MARCO, dentro da exposición Xulio Verne. Os límites da imaxinación, fará visitas á carta para grupos. Pola súa parte a Sede de Afundación de Vigo contará con visitas guiadas e horario especial no día de hoxe ata as 22.00 horas.

Cidade da Cultura de Galicia / foto titosoftCC0

 

Pode que che interese...