fbpx
Esquema de como era un dos foxos do lobo na serra do Suído / osuido.org

Queres vivir en directo como era unha batida nos antigos foxos do lobo?

Tempo de lectura: 3 min.

O lobo e o home sempre tiveron unha fonda relación, sobre todo, na Galicia rural. De feito, o lobo está moi enraizado na mitoloxía popular galega. Os lobos eran seres poderosos que podían matar homes e botar a perder o gando. Por iso, en moitas zonas se construíron estruturas enormes para cazalos e darlle morte. Eran os foxos de lobo, agora en desuso.

A Asociación Cultural Dequenquén leva tempo poñendo en valor estes valiosos elementos da etnografía galega. E esta fin de semana, o vindeiro sábado, a entidade organiza unha recreación da batida do lobo neste tipo de trampas que se facían dende a Idade Media. Realizarase cunha visita en vivo ao foxo dos lobos que hai nas praias de Reira (Camariñas). Para a cita cómpre levar calquera trebello que faga ruído (tellos de potas, carracas) e un calzado axeitado, tipo botas, para camiñar polo monte. Dende a praza do concello as 11:00 sairá un autobús para tódolos participantes.

A idea é remontarse e facer unha recreación como a que conta Dequenquén:

Recreación dunha batida do lobo en Reira / QPC

“Ínstase aos clérigos, soldados e campesiños a que persigan aos lobos os sábados, agás Pascua e Pentecostes e que preparen os precipicios que o vulgo chama foxos. Decreto ditado polo arcebispo Xelmírez, recollido na Historia Compostelana.

O monteiro maior era o que organizaba e dirixía a batida. Os veciños das aldeas circundantes eran convocados á batida por medio fogueiras colocadas estratexicamente nos outeiros (topónimos Alto da Vela e Monte da Vela no mapa) que circundaban a chaira ou groba, ou o sitio de paso dos lobos, onde se erguía o foxo. Dende o monte da vela o fume indicaba os paisanos de Brañas Verdes e Santa Mariña o inicio da batida, así mesmo dende o alto da Vela en Camariñas convocábase os veciños de Mourín e Buría. O topónimo Cova dos Lobos, indica lugares comúns ou habituais da existencia de guaridas de lobos. Lugar habitual para comezar a batida.

O monteiro maior, despois de reunida as xentes dos pobos, facía unha distribución do persoal. Un grupo disposto no foxo para prolongar as súas dimensións o ser o de Camariñas de pequenas dimensións non superando os 100 metros no seu muro maior, o outro o máis numeroso, o monteiro maior, dispoñíaos o longo do monte con paus, cos cales petaban na maleza existente, para provocar o levantamento e fuxida do animal, outros con aparellos de cociña (tapas de tarteiras ou elementos de ferro) provocaban ruído no seu bater entre ambos coa intención de espantar o animal. O importante na batida era non deixar ocos libres polo que o animal puidera fuxir. Levantado o animal íano pechando para que entrara no foxo. O pozo era tapado con xestas ou toxos para que non vira o burato existente.

Unha vez que caera na trampa, o non poder saír, rematábano a pedradas ou cun chuzo. O animal sen vida, era paseado polos pobos participantes en romaría, para que todo o mundo puidera contemplar a presa atrapada, ben portado cun pau polo medio entre dous homes, ou nun carro tirado por animais”, apunta tal e como recolle o xornal QPC. Outra das entidades que máis está facendo por recuperar estas antigas estruturas etnográficas é osuido.org.

 

Pode que che interese...