fbpx
San Xian de Moraime tras as sondaxes / Foto HdG

Tapan os segredos de Moraime, de vila romana a mosteiro medieval

Tempo de lectura: 3 min.

A fonte do xacemento de San Xián de Moraime, no concello de Muxía, xa volve estar baixo terra. É despois de que se dese por rematada a campaña de sondaxes arqueolóxicas desenvolvidas pola empresa AXA Arqueoloxía na que se pretendía avaliar o estado dos achados que no ano 1972 fixera o histórico arqueólogo Manuel Chamoso Lamas. A pasada semana operarios procedían a cubrir con terra os ocos feitos no terreo ó oeste da igrexa, despois de que o equipo de arqueólogos deixara debidamente preparados para volver a ser inhumados.

E é que nas sondaxes “aparecera” de novo a histórica fonte que no seu día Chamoso Lamas dera por romana, mais que para o equipo de AXA sería dunha cronoloxía posterior. A fonte estivo uns días ó descuberto, xunto con outros achados que atopara daquela o arqueólogo, mentres era avaliada polos técnicos de AXA e visitada polas autoridades da Xunta e locais. Agora, unha vez rematados os traballos toca agardar os resultados e a que a Xunta de Galicia faga un novo investimento para recuperación do xacemento, motivo polo que se encargaron as sondaxes pola Consellería de Cultura. Mais a día de hoxe descoñécense posibles prazos para esta nova intervención.

San Xián de Moraime tras as sondaxes / Foto HdG

Visión favorable pero sen promesas

Que hai potencial arqueolóxico no lugar quedou claro tras a intervención. Pois tal e como salientaba a empresa AXA Arqueoloxía nas súas redes sociais “este espazo relata unha secuencia histórica moi interesante e ilustrativa, que comeza coa construción dunha vila romana” e “remata coa construción do mosteiro románico de Moraime”. Así, son como mínimo sete séculos de substratos que se fan presentes no lugar e que se continúan na construción, o que faría máis que interesante unha escavación completa por parte da Xunta.

Así o recoñecía o Conselleiro de Cultura Román Rodríguez na súa visita ó xacemento a pasada semana. Rodríguez, acompañado pola directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez e o delegado territorial da Xunta na provincia, Ovidio Rodeiro, así como por autoridades locais, amosaba a súa predisposición a continuar a intervención con futuros investimentos no lugar, mais sen falar de cantidades nin de prazos. Si presentou, porén, unha nova intervención sobre a igrexa a desenvolver durante 2019, así como lembrou que aínda se está a desenvolver o levantamento fotogramétrico das estruturas atopadas e compre establecer as conclusións do estudo.

Zona escavación en primeiro plano / foto cedida por AXA Arqueoloxía

Un xacemento con restos romanos, suevos e medievais

Foi no ano 1972 cando Chamoso fixo unha das escavacións máis importantes da Costa da Morte, atopándose nela restos do antigo mosteiro medieval e do que moi probablemente foran os restos dunha antiga vila romana. Os resultados foran publicados polo historiador no ano 1976 no Noticiario Arqueolóxico Hispano. Segundo o publicado por Chamoso, no lugar aparecerían tamén enterramentos da época xermánica e o que se identificou cunha canalización pétrea que comunicaría cunha “fonte monumental”. Preto dela tamén os restos dun hipocausto, ou sistema de calefactación termal do chan.

É por isto que o xacemento pode ser considerado un dos máis relevantes da Costa da Morte e unha peza esencial para entender a historia da rexión, xa que nela se conservan diferentes substratos dende a romanización ata a Baixa Idade Media. O xacemento atópase ademais ó pé do antigo mosteiro, do que se conserva unha singular igrexa de estilo románico de tres naves. O templo destaca, ademais de pola súa feitura do do segundo terzo do século XII, polas súas singulares pinturas interiores, restauradas recentemente, que conforman un dos máis ricos programas pictóricos do renacemento galego.

San Xian de Moraime tras detalle das pinturas / Foto Íñigo M. Riobó

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...