fbpx
Pepe do Fieiro ao pe da Cabana das Chozas, outro dos refuxios dos guerrilleiros republicanos na Guerra Civil / QPC

Na procura de novos refuxios de guerrilleiros republicanos no Monte Pindo

Tempo de lectura: 3 min.

Hai uns días dábamos conta da Cova da Pendente, no Monte Pindo, un lugar de moi difícil acceso e no que estiveron refuxiados guerrilleiros republicanos durante e despois da Guerra Civil. Non é o único caso. O certo é que no Monte Pindo houbo máis covas onde estiveron agochados moitos dos fuxidos da comarca. A dificultade orográfica do lugar e a cantidade de acubillos do monte axudaron a este propósito.

Outro destes refuxios foi a Cabana das Chozas. Novamente, o veterano Pepe do Fieiro acompañou a Modesto García Quintáns que é quen dá conta na súa sección no QPC destes lugares esquencidos, pero que forman parte da memoria colectiva dos galegos. A Cabana das Chozas está situada no lateral norte do Castelo Pequeno e á uns 200 metros ó norte do Pico de Peñafiel. Para chegar hai que saír do Lugar de O Fieiro polo sendeiro de Peñafiel. Ó chegar ó Rego de Sancheferro cruzámos a pontella coñecida como Ponte das Chozas.

Localización da Caverna das chozas, no Monte PIndo, onde se ocultaron guerrilleiros / QPC

Ponte de canteiros

Os veciños chamábanlle Os Pasales de Arcos xa que no ano 1950, coas obras da Ponte do Ézaro, os canteiros de Arcos construíron esta ponte e trazaron un novo sendeiro por ser máis cómodo e máis corto nos seus viaxes diarios. A uns 70 metros augas abaixo está o Muíño de Louro, ben coñecido polo veterano Pepe do Fieiro, que conta que Xan de Louro (familiar), unha vez regresado de Cuba, construíu este muíño sobre o ano 1927.

Subimos pola primitiva calzada e ao chegar ós Petóns das Chozas xiramos á dereita ata encontrar unha fonte con auga permanente coñecida como A Fonte das Chozas. Esta paraxe é de terreo fértil de moito pasto para o gando polo que cabe pensar que o nome de “Chozas” foi sacado polos primitivos pastores. Na actualidade, tanto o sendeiro como a fonte están totalmente cubertos de toxo, terreo preparado para outra queima en calquer verán.

Interior da Caverna das Chozas, no Monte Pindo / QPC

Unha gran cova

Neste punto, mirando cara ó suroeste e a uns 70 metros vemos uns “outeiros” con formas caprichosas. Alí encóntrase a “cabana”. Está baixo unha enorme plancha granítica duns 8 metros de longo por 5 metros de ancho e polo lateral oeste ten a entrada formada por unha pequena abertura duns 35 centímetro de alto. Débese entrar a catro patas salvando un pequeno chanzo. No seu interior é como un salón duns 30 m2, cunha altura central de 1,5 m. e inclinado cara ó norte.

Está amurallado por un lateral e o chan foi acondicionado. Apenas se nota humidade. Iso indica a importancia que este refuxio tiña entre os guerrilleiros e que non era un lugar puntual. Con todo, non hai que esquencer as penurias que eses homes pasaron polo monte e a estancia nestas covas.

 

Pode que che interese...