fbpx
Antiga adega da Reitoral de Santo André de Camporredondo, en Ribadavia, que algberga o museo etnográfico da localidade / xunta.gal

Destinan case dous millóns de euros a un Museo do Viño en Ribadavia

Tempo de lectura: 3 min.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicou este luns no Diario Oficial de Galicia (DOG) a formalización do contrato de subministración, suxeita a regulación harmonizada, da fabricación e instalación do proxecto expositivo do Museo do Viño de Galicia, na reitoral de Santo André de Camporredondo, en Ribadavia. O investimento destinado a este fin ascende a 508.007,25 euros, e súmase aos máis de 1,36 millóns de euros que destinados pola Xunta de Galicia para restaurar e acondicionar a reitoral. En total, este museo custará case dous millóns de euros.

Segundo a Xunta, o obxectivo é que este museo sexa o encargado de recuperar, documentar, conservar e difundir o patrimonio cultural vitivinícola de Galicia, e que estea en funcionamento no ano 2019. A xestión será unificada e en rede en coordinación co Museo Etnolóxico de Ribadavia. A instalación do centro museístico neste espazo é posible grazas ao acordo acadado entre a Xunta de Galicia e a Diocese de Ourense para prolongar a cesión deste edificio ao Goberno autonómico durante outros 25 anos máis; un trámite que se realizou baixo as máximas garantías administrativas e xurídicas.

Reitoral de Santo André de Camporredondo, futuro Museo do Viño de Galicia / xunta.gal

A importancia do viñedo

“O percorrido expositivo iniciarase explicando como o viñedo crea e modifica a paisaxe que o circunda, xerando urbanismo, vertebrando o territorio agrícola e provocando un desenvolvemento e organización social determinado”, apunta. A continuación, abordaranse os tipos de chan e os traballos na viña nas catro estacións do ano.

Os viñedos de Galicia e as Denominacións de orixe actuais terán tamén un espazo propio neste centro, en especial a zona do Ribeiro, na que se sitúa o propio museo. Asemade, ofrecerase unha aproximación á organización da produción vitícola dos mosteiros, así como da propia reitoral de Santo André.

A historia do viño

As últimas salas dedicaranse a amosar ás persoas visitantes o proceso de transporte da uva ata o lagar, o funcionamento do lagar desde o século IV a.C ata a actualidade – proceso de prensado da uva, vinificación, prensas…- e mais obxectos relacionados coa adega e cos oficios vinculados a ela – cubeiros, toneleiros…-.

Todo o percorrido estará acompañado de paneis gráficos, elementos audiovisuais e mesmo virtuais que enriquezan o máximo posible a información que reciba o visitante.

O conselleiro de Cultura e o bispo de Ourense na reitoral de Santo André de Camporredondo / cultura.gal

“Un espazo único”, para a Xunta

A Xunta cre que o Museo do Viño de Galicia será un referente no ámbito da etno-antropoloxía e na historia do fenómeno cultural vitivinícola, “un espazo único” no que se reunirán as 5 Denominacións de Orixe galegas –Ribeiro, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Valdeorras e Monterrei-, con especial atención a do Ribeiro.

Para iso, o proxecto expositivo dá prioridade ao enfoque etno-histórico e antropolóxico dos seus contidos, privilexiando o tratamento do territorio e da sociedade das xeografías vitícolas, dos valores e do capital cultural. O obxectivo é transmitir un proceso histórico da cultura vitícola como elemento que ordena historicamente o territorio.

Por iso, incorporará os fondos históricos e etnográficos e a colección do viño do Museo Etnolóxico de Ribadavia, que constitúen a súa colección fundacional. Ademais do contido, o inmoble, que forma parte do Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia, destaca pola súa relevancia e interese arquitectónico e histórico.

Pode que che interese...