Cabeceira de San Martiño de Mondoñedo / Javier Castiñeiras

Coñece como foron as orixes da arte románica en Galicia

As orixes da arte románica en Galicia están hoxe algo máis claras. Un investigador da Rede de Estudos Medievais Interdisciplinarios, Javier Castiñeiras López, presentou vai uns poucos días a súa tese de doutoramento, centrada nas particularidades do primeiro románico de Galicia. O estudo está centrado nas dúas antigas catedrais galegas do primeiro románico, San Martiño de Mondoñedo, en Foz, e San Bartolomé de Rebordáns, en Tui. A partir de elas trata de aclarar se a reforma gregoriana impulsada dende Roma no século XI é a razón de ser da arte galega deste período e, por tanto, a grande influencia do románico galego, ou se, polo contrario, hai unha coexistencia con tendencias socioculturais e artísticas anteriores.

Castiñeiras trata de demostrar se “se as campañas artísticas de San Martiño de Mondoñedo e San Bartolomé de Rebordáns son un exemplo do que se veu dando en chamar unha arte reformada ou se, pola contra, estamos ante mostras dunha cultura conservadora e refractaria ós cambios” como afirma ou autor. Para isto estuda o desenvolvemento da tradición historiográfica sobre as relacións da arte románica coas reformas, para despois analizar a especificidade destes dous templos, tanto nos aspectos arquitectónicos coma escultóricos.

Capitel da Luxuria en Rebordáns / Javier Castiñeiras

Para o autor “o románico inicial de Galicia non debe entenderse como único e uniforme, xa que mentres que na catedral de Santiago se abrazaban os ventos renovadores no artístico e o político, nestas pequenas sedes constátanse procesos artísticos de persistencia fronte ás reformas e mesmo de resistencia activa aos cambios do momento”. En San Martiño de Mondoñedo e San Bartolomé de Rebordáns desenvólvense uns discursos artísticos de fronteira, nos que dificilmente pode falarse dunha influencia directa da reforma romana. Demóstrase daquela a convivencia entre linguaxes arquitectónicas e figurativas que poderían definirse como unha “cultura artística de transición”, a finais deste século XI.

Así, este estudo ven a lanzar un pouco máis de luz a un momento histórico transcendental para entender o desenvolvemento da arte románica galega, xeralmente enfocada na influencia do núcleo compostelán. A investigación, baixo a dirección do profesor Manuel Núñez Rodríguez, un dos referentes da Universidade de Santiago de Compostela, e do medievalista David Chao Castro, formou parte do Programa de Doutoramento en Estudos Medievais da Universidade de Santiago. O investigador, Javier Castiñeiras, bolseiro no Departamento de Historia da Arte da USC, autor do traballo, decidiu titular a súa tese como Espazos e imaxes no Reino de Galicia (1075-1112). Persistencias e reforma.

 

A primeira reforma europea

 

A reforma gregoriana iniciada polos papas León IX (1049-1054) Gregoria VII (1073-1085), tiña coma obxectivo mudar unha sociedade na que o poder segrar estábase a erixir por riba do poder laico. Este movemento reformista tiña coma obxectivo loitar por eliminar os grandes vicios da sociedade cristiá do momento, coma a compra e venta de oficios e dominios, a falta de rigor no celibato e o nomeamento de cargos eclesiásticos por poderse seculares. A reforma estableceu a elección pontificia a través dun concilio cardenalicio, sen a intervención política externa, ata o momento por parte do emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico, e a superioridade espiritual do Papa sobre toda a Cristiandade, a través da bula Dictatus Papae.

Frontal de altar de Mondoñedo / Javier Castiñeiras

Esta reforma aplicaríase do mesmo xeito ós ámbitos monásticos, e o abad no canto de ser elexido por poderes externos sería elexido dende aquela polos propios monxes, inmune a autoridades laicas e bispais, dependendo directamente do Pontífice. Esta reforma foi o inicio das grandes ordes monásticas en toda Europa coma a de Cluny e o Cister, que foron o xerme dos grandes mosteiros galegos, así coma unha boa parte do románico importado dende Francia. Antes deste gran cambio, na Idade Media existiu un momento de transición coñecido popularmente como románico lombardo, ou primeiro románico, baseado nunha planimetría conservadora e un uso xa distindo da escultura e decoración arquitectónica.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica e creador de entornos virtuais. Investigador independente, especialista en arquitectura e territorio. Colaborador habitual de Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: