fbpx

Queres participar na primeira gran recreación colectiva en cómic da Galicia romana e castrexa?

Tempo de lectura: 3 min.

O comic histórico chega ao Arde Lvcvs cunha interesante proposta, a realización do I Encontro de Banda Deseñada Histórica de Galicia. Unha interesante actividade na que participarán algúns dos principais ilustradores históricos de Galicia e que está aberta á participación dos amantes da historia e do cómic.

Neste primeiro encontro participarán os ilustradores Víctor Boullón, Tokio, Miguel Fernández, Tomás Guerrero, Pepe Carreiro e Manel Cráneo, coordinador artístico do evento. Así, esta innovadora proposta, impulsada polo Concello de Lugo e na que colabora o portal www.historiadegalicia.gal e Demo Editorial, toma forma por primeira vez en Galicia no Arde Lucus e estará dividida en dúas partes; unha máis didáctica e educativa e outra práctica.

A primeira delas realizarase ao longo do mes de abril con obradoiros teóricos e prácticos de cómic histórico como parte do Arde Lucus Cultural. A segunda parte terá lugar na mesma festa do Arde Lucus, onde os seis ilustradores que participan neste evento se situarán en lugares estratéxicos da cidade para tentar recrear a través dos seus debuxos o Lucus histórico que recrearán as distintas entidades, asociacións e veciños que participan na festa.

Ilustración dun portaestandarte romano / Manel Cráneo

Ilustración dun portaestandarte romano / Manel Cráneo

Os romanos e os castrexos na banda deseñada

Este I Encontro de Banda Deseñada Histórica de Galicia terá lugar desde o 6 de abril ao 21, constará de tres sesións teóricas e dous obradoiros prácticos. Nos primeiros participarán os ilustradores Manel Cráneo, Pepe Carreiro e José Barreiro que falarán da banda deseñada histórica en Galicia, especialmente, da época romana e castrexa.

Manel Cráneo abordará o venres 6 de abril o Proceso técnico e creativo da banda deseñada histórica. Pepe Carreiro, o creador dos Bolecha, abordará o día 13 de abril o mundo dos Barbanzáns e a Cultura castrexa en banda deseñada e José Barreiro, o venres 10, Roma na banda deseñada. Todas as charlas comezarán ás 20.00 horas no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL)

Pola súa banda, os obradoiros prácticos terán lugar o sábado 14 e o sábado 21 tamén no MIHL, pero en horario de 11.00 a 13.00 horas. O primeiro para nenos e o segundo para adultos. Nestas sesións, os ilustradores Victor Boullón e o lucense Miguel Fernández ensinaránlle aos participantes a debuxar romanos e romanas e castrexas e castrexos. As persoas interesadas en participar xa se poden inscribir a través do 010 (para as persoas residentes en Lugo) ou no 982297350 para as de fóra de Lugo. Trátase de aproveitar a presenza dos ilustradores para que os participantes aprendan nocións de como ilustrar certas temáticas da vida galaico-romana da época.

Algunhas das ilustracións resultantes destes obradoiros poderían aparecer publicadas na web oficial do Arde Lucus e serán distribuídas a través das redes sociais deste I Encontro de Banda Deseñada Histórica de Galicia.

Ilustrando en directo o Arde Lucus

Xa en xuño terá lugar a segunda parte deste ciclo de banda deseñada. Os seis ilustradores especializados en xénero histórico percorrerán o sábado 16 de xuño os puntos fundamentais do Arde Lvcvs e realizarán debuxos en directo situados en puntos estratéxicos da cidade e da festa. O obxectivo é tentar representar en banda deseñada o ambiente que tería a antiga Lucus Augusti a través da representación historiada que veciños e asociacións fan durante esta festa.

Presentación en Lugo do I Encontro de Banda Deseñada Histórica de Galicia con Manel Cráneo e Carme Basadre / lugo.gal

Presentación en Lugo do I Encontro de Banda Deseñada Histórica de Galicia con Manel Cráneo e Carme Basadre / lugo.gal

Posteriormente haberá unha xuntanza para que os autores poñan en común os seus traballos, valorar as ilustracións realizadas e proxectar a posible publicación dos traballos a través dun cómic histórico.A presentación deste evento tivo lugar este venres en Lugo coa presencia da concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e o artista Manel Cráneo.

Pode que che interese...