fbpx
Hospital de San Miguel de Lugo / foto Íñigo Mouzo Riobó

A Xunta rehabilitará, despois de 12 anos de agarda, o hospital de San Miguel de Lugo

Tempo de lectura: 2 min.

Tras 12 anos agardando un uso e unha urxente rehabilitación a Xunta de Galicia restaurará finalmente o antigo hospital de San Miguel. Pois o pasado venres 22 o executivo galego aprobaba unha partida de 6,2 millóns de euros nas que se incluía o proxecto para restaurar un dos edificios clave para a recuperación da Tinería.

A rehabilitación do edificio, tamén coñecido como a casa-torre da Tinería, será executada polo IGVS, e agárdase que estea rematado no ano 2021 coincidindo co Xacobeo. Pois o histórico edificio é un dos elementos en ruínas máis destacados do casco histórico de Lugo, atopándose moi preto da Porta Miñá, ó mesmo pé da muralla e en pleno Camiño Primitivo.

A obra, que será desenvolvido nun proxecto conxunto das concellerías de Cultura e Turismo e Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, unha vez finalizado será a sede da Asociación Porvincial de Empresarios da Hostelería de Lugo (Apehl). Nel habilitarase un centro de formación no sector, cun espazo expositivo no seu último andar adicado á gastronomía. A Xunta prevé trasladar tamén ó edificio a súa oficina de información turística na cidade.

Hospital de San Miguel de Lugo / foto Íñigo Mouzo Riobó

“Unha ruína propiedade da Xunta de Galicia”

“Non podemos deixar dous bens Patrimonio da Humanidade rodeando unha ruína propiedade da Xunta de Galicia”. Así se refería no ano 2018 ó edificio Concepción Burgo, a portavoz de Cultura do Grupo Socialista. Lamentaba a “desidia absoluta” demostrada polo goberno galego de cara á rehabilitación do Hospital de San Miguel, que, agora, será finalmente rehabilitado.

E é que despois de que o executivo de Emilio Pérez Touriño mercara o inmoble,a través do IGVS, xunto con moitos outros do barrio da Tinería, o edificio quedara abandonado. A crise económica foi o argumento polo que o gran proxecto que Concello e Xunta estaban a desenvolver para recuperar este histórico barrio non fora rematado tal e como se prevía.

Barrio da Tinería de Lugo / foto Íñigo Mouzo Riobó

Entre os edificios propiedade da Xunta atópase tamén o pazo de Dona Urraca. Cun proxecto en fase de reacción a Xunta prevé tamén a súa rehabilitación en colaboración co Concello. O obxectivo sería crear un museo de arte contemporánea. Crearase tamén con el unha pequena praza fronte á muralla. Coa intervención nestes dous edificios continuaríase tamén coa recuperación deste barrio non só histórico, senón tamén un dos máis degradados da cidade.

Hospital de San Miguel de Lugo / foto Íñigo Mouzo Riobó

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...