fbpx
Xosé Díaz Arias de Castro, fillo de Isaac Díaz Pardo

Xosé Díaz: “Para Seoane e Isaac Díaz a cultura significaba a reafirmación da identidade propia e o sentido de pertenza a Galicia”

Tempo de lectura: 6 min.

Xosé Díaz Arias de Castro (A Coruña, 1949). A súa colaboración temperá desde finais dos anos sesenta con Isaac DíazPardo e Luis Seoane nos proxectos do Laboratorio de Formas (Ediciós do Castro, Museo Carlos Maside e Sargadelos) moldearon a súa vocación polo deseño, fundando varias empresas de comunuicación visual (BCD Asociados, Grupo ReVisión Deseño, Imago Mundi Deseño) que abordaron importantes traballos de identidade corporativa, deseño editorial e de espazos expositivos entre 1984 e 2019.

En 1996, como testamenteiro da viúva de Luis Seoane, impulsou a Fundación Luis Seoane, da que é patrono vitalicio e vicepresidente do seu padroado.

En 2016 ingresou como académico de número na Real Academia Galega de Belas Artes, na súa sección de Artes da Imaxe.
É administrador único do Laboratorio de Formas de Galicia SL, sociedade fundadora de Sargadelos, da que forma parte do seu accionariado.

2020 é o ano no cal a Xeración Nós está de aniversario. Pero tamén cúmprese o centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo. Esta é unha entrevista ao seu fillo Xosé Díaz Arias de Castro, mirando de tódalas facetas que caracterizaron a Isaac.

1. W.E. B. Du Bois anotou que “a educación non debe simplemente ensinar a traballar, senón tamén a vivir”. Para min este mesmo concepto aparece na pedagoxía dos cursos de verán de Sargadelos en Cervo. Cales pensas que foron as maiores innovacións educativas que abríronse con estes cursos? Cómo describirías o espírito do estilo de vida que define estes cursos?
Tal como rezaba o seu nome, as Experiencias de Tecnoloxía e Escola Libre de Sargadelos tiñan a súa principal característica na liberdade dos participantes en canto aos seus aspectos creativos; pero aportando os coñecementos técnicos das materias e os procesos cerámicos, que son os que condicionan profundamente os resultados formais.
En realidade non había nos cursos unha intención educativa propiamente dita, senón que as Experiencias estaban pensadas como un lugar de encontro entre os participantes e as técnicas do proceso industrial cerámico, unido a unha relación con artistas, investigadores e intelectuais que pasaban por Sargadelos, que abrían espectativas de coñecemento moi enriquecedoras.

2. Isaac vía, ao igual que Seoane, a Cultura como parte das solucións. Ningún dos dous tiña unha noción, hoxe infelizmente tan estendida como sistematizada, da Cultura como un ornamento: algo decorativo pero inútil. Cal é a túa perspectiva sobre esta noción?
Eles entendían a cultura dun xeito etnográfico, como o conxunto de respostas que orixinan os colectivos e/ou os individuos nunhas condicións ambientais determinadas. Polo tanto para eles a cultura significaba a reafirmación da identidade propia e o reforzamento do sentido de pertenza a Galicia.
Para min a cultura foi, é e será, a maiores do exposto, unha ferramenta fundamental que nos permita desenvolver un xuízo crítico sobre o mundo que nos tocou lidiar; ou dito en román paladino: que nos permita fortalecer a capacidade de ser nós mesmos para coñecer mellor a nosa contorna, a nosa realidade.

Isaac Díaz Pardo traballando nunha das xarras de Sargadelos. Fotografía cedida cortesmente por Xosé Díaz Arias de Castro

3. O Instituto Galego da Información é unha boa mostra da perspectiva de ambos, porque non é so un centro periodístico senón que está integrado nun mesmo edificio cun teatro, unha biblioteca e unha escola de Arte. Era unha visión integral do que é a información e a imaxe.
Si, o Instituto tiña a vontade de converterse, non so no cerebro cultural e divulgador da filosofía do Laboratorio de Formas e, por conseguinte, do grupo Sargadelos, senón nunha sorte de centro que recollese, estudiase e divulgase a historia da outra Galicia, aquela que foi esnaquizada polo golpe de 1936 e da que tivo que exiliarse, esa Galicia irredenta pola que Isaac se esforzou para que retornara e puidera integrarse no devir da nosa (deteriorada) historia. De aí o seu tesón en recuperar o Seminario de Estudos Galegos ou o Laboratorio Xeolóxico de Laxe.

4. Unha das aportacións do Laboratorio de Formas é que -tanto na teoría como na práctica- fai da produción artística un vehículo para interesarnos, e facernos conscientes, de quenes somos, de onde vimos, cales son os nosos intereses e cal é a nosa esencia, para estimularnos e mostrar a realidade dun (subestimado) potencial ilimitado.
Si, ese foi o fin primordial do Laboratorio; como xa apuntei anteriormente, pretendíase construír unha nova estética atendendo ás particularidades propias da nosa cultura, fuxindo da uniformización que provoca a globalización, no sentido de enriquecer ao mundo coa nosa diferenza —tal como apuntaba Seoane—, á vez que se potenciaba e se dignificaba a nosa cultura tirando da tradición e poñéndoa ao día, para construír deseños e mensaxes con linguaxes sincrónicas, de probada eficacia nos dous planos, no funcional e no semántico: formas portadoras de esencias identitarias.

5. O Laboratorio de Formas igualmente canaliza que a sociedade galega identifíquese coa súa cultura, unha cultura rica, forte, segura, dinámica, bela i en absoluto sórdida, anticuada, embrutecida e vulgar, mesmo deprimente.
Por iso no Manifesto do Laboratorio ten un parágrafo no que advirte da necesidade de abordar, analizar e divulgar a memoria histórica como base para poder construír un universo propio, pero universal; do contrario estariamos construíndo unha cultura ‘mostrenca’, sen pai e nai, anodina, sen carácter, sen personalidade. Tanto Isaac como Seoane insistiron moito nesta cuestión, na necesidade de anovar e poñer ao día as formas culturais, como único camiño para poder avanzar axeitadamente, facendo do local algo universal. Sargadelos, penso, foi un bo exemplo do que acabo de expoñer. As primeiras pezas que Seoane deseñou para a recén recuperada Sargadelos ían nesa dirección: reivindicando a tradición, con dúas pezas sobre San Andrés de Teixido, unha das lendas máis antergas e fermosas de Galicia; e reivindicando a historia, coa colección das 19 xarras con personaxes medievais de Galicia, de gran significación identitaria.

6. Qué innovación supuxo Ediciós do Castro? Cales foron as súas aportacións tanto de liña editorial como de deseño gráfico?
A editorial nacía en 1963 como un dos proxectos do Laboratorio de Formas e cunha liña moi definida de ir dando a coñecer ese mundo do que antes falaba que fora silenciado por mor da guerra, recuperando a memoria histórica con coleccións específicas sobre ese tema. Paralelamente desenvolveu infinidade de coleccións sobre moitos aspectos referidos á arte, a cultura, a historia, o coñecemento, a investigación… e foi soporte editorial das publicacións de moitas entidades: do Seminario de Sargadelos, do Laboratorio Xeolóxico de Laxe, do Seminario de Estudos Galegos, do Museo Carlos Maside, do Departamento de Prehistoria da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago, de Ruedo Ibérico, ou do propio Laboratorio de Formas. Sobre a súa liña deseñística, a editorial tivo a fortuna de ser o propio Luís Seoane —un dos seus impulsores xunto a Isaac Díaz Pardo— quen puxo as bases da súa estética ata a súa morte en 1979; logo seguín eu durante dez anos, ata 1989, tratando de adaptar os saberes de Seoane aos novos tempos que ían aparecendo coa chegada da democracia. Nesta cuestión, tiven a sorte de colaborar con el e de aprender o pouco que sei de gráfica editorial. Nas cubertas de moitos libros de Ediciós do Castro e en moitas das súas páxinas agóchase unha sorprendente colección de deseños e debuxos de Seoane e do propio Isaac, que algún día debería recollerse nunha publicación.

A Biblioteca do Instituto Galego de Información © Juán Rodríguez.

7. Cal é a personalidade do interior e o exterior do Museo Carlos Maside? Cómo foi ideada a súa estética e organización?

O edificio do Museo foi proxectado por Andrés Fernández-Albalat—recentemente falecido—, que era o terceiro membro do Laboratorio de Formas, xunto a Luís Seoane. Isaac deseñou os elementos interiores: as escaleiras e as súas varandas, o auditorio e o seu escenario, así como todo mobiliario e as luminarias. Son deseños todos eles dunha gran sinxeleza e funcionalidade, feitos con materiais primarios, que posúen unha gran inspiración do movemento construtivista ruso; algúns, como o sorprendente escenario do auditorio, semella unha homenaxe a Vladímir Tatlin, e concretamente ao seu Monumento á Terceira Internacional de 1919.
O proxecto museolóxico foi concibido, en esencia, para recuperar e poñer en valor os movementos da vangarda plástica galega anterior á Guerra Civil, totalmente ignorado pola sociedade galega por aquelas datas da posta en marcha do Museo, en plena ditadura franquista. Foi tamén un acto de xustiza con todos aqueles artistas que Galicia tiña esquecido, que loitaron por anovar e dignificar a arte galega, e que na súa maioría tivo que exiliarse, cando non sufriu o martirio da represión golpista.

8. De qué xeito foi pensada a estética das galerías de Sargadelos? Pregunto isto porque non é “so” unha galería: era librería, centro de exposicións e espazo de conferencias. Era un lugar estimulante, libre e seguro onde aprendías co que se desprendía.
As creación das Galerías Sargadelos —a primeira que se abríu foi a de Barcelona en 1972— foi unha das ideas máis felices de Isaac. Supoñía a instalación dun espazo público onde coincidían os produtos cerámicos propios do grupo Sargadelos cunha librería especializada en libros galegos, unha sala de exposicións para promocionar a arte e a cultura galega, e un ambiente para realizar actos de todo tipo, de maneira que as Galerías funcionaban como unha sorte de “embaixada de Galicia”. Foron un auténtico lugar de coñecemento e divulgación de Galicia que fixeron moito para que o país tivera visibilidade fóra das súas fronteiras.

Escrito por

Historiadora da Arte.

Pode que che interese...