fbpx

Cal é a orixe do escudo galego da serea?

Tempo de lectura: 4 min.

Escudo deseñado por Castelao

“Denates mortos que escravos”, isto é o que Castelao quería que aparecera no escudo de Galicia no canto de cruces, cáliz, hostia consagrada ou coroa. Unha serea de pelo loiro estendido portando un escudo cun fouciño de ouro e unha estrela encarnada. Foi en 1937 cando o horror da Guerra Civil daba lugar a querer esquecer todo o relacionado cun presente reaccionario e brutalmente represor. A vontade era substituír os elementos relixiosos por outros laicos e denotar a ansia de dignidade e de liberdade dun territorio controlado polos golpistas.

A presentación deste escudo foi case un ano despois de comezada a guerra, en xullo de 1937, no número 6  da revista Nova Galiza, publicada daquela en Barcelona. Para Castelao, despois das violacións, as torturas e os paseos, a Galicia xa non lle quedaba máis que “a fouce de ouro sobor do fondo azul e a estrela vermella, como emblema do traballo e da liberdade”. Apelaba á cultura labrega e máis á ideoloxía nacionalista. Mais sostendo o escudo “compría deixar patente a heráldica galega como símbolo mariño”. Precisamente por isto escolleu a serea, un símbolo heráldico antergo asociado a antiga casa dos Mariño de Lobeira, un dos elementos sen dúbida máis singulares da heráldica do país.

A lenda da Serea 

Igrexa de San Bieito, Fefiñáns, Cambados / foto Iago Pillado CCby wikimedia

Mais, quenes son os Mariño de Lobeira e de onde se inspira Castelao?. Os Mariño de Lobeira foi unha das familias nobiliarias máis coñecidas de Galicia da Idade Media e Moderna. Emparentados coas grandes familias nobiliarias do país coma os Lemos, Andrade ou Pardo de Figueroa, aparecen citados por primeira vez sobre o século XII relacionados coa poderosa familia dos Trava. Segundo a lenda o apelido Mariño viría da Sálvora, cando un descendente dos Trava, Pedro Froila de Trava, logo de naufragar sería rescatado por unha serea e conducido ata a illa. O seu descendente Xoán Froilaz Mariño, xa personaxe non lendario, empregaría dende aquela esta personaxe mitolóxica como emblema principal do seu escudo.

Así, consérvanse de feito en Galicia varios escudos dos Mariño. Una rara curiosidade para quen visita este occidente atlántico e pode atopar en calquera recuncho do país un blasón sostido por unha serea. De feito a nas primeiras décadas do século XX Castelao e outros investigadores relacionados co Seminario de Estudos Galegos recolleron e catalogaron por toda Galicia unha gran cantidade de heráldicas con esta imaxe, -un total de 33 foron descritos por Castelao-. As máis coñecidas poden considerarse as da fachada das Torres de Bermúdez, do pazo do Couto, Fefiñáns, no pazo urbano de Otero Goiáns en Ribeira ou nas igrexas de Santiago de Lampón en Boiro ou na capela dos desamparados de Brión.

O escudo que inspirou a Castelao

 

Escudo dos Mariño de Lobeira nun escudo da capela de Xora Vimianzo / foto Qué pasa na costa

Mais as que segundo parece inspirarían a Castelao xa dende a súa xuventude estarían moito máis preto. Pois a ría de Arousa é o gran feudo natural dos Mariño e dos Mariño de Lobeira e en Rianxo conservase dous dos máis importantes exemplos, que serían os que haberían de inspirar a Castelao. Un deles estaría no pazo de Asadelos, no propio Rianxo, un escudo de case dous metros de alto feito nunha única peza no que a serea ten un espectacular feitura. Porén non é da familia Mariño de Lobeira, senón da Torrado-Mariño, acollendo no seu interior as tres torres de Torrado. O outro na localidade de Rianxiño, na capela do Patrocinio, esta si dos Mariño de Lobeira, acolle tres ondas, unha franxa diagonal e un piñeiro cun lobo.

Popularmente dise que este último foi o que inspirou a Castelao. Nel vese o corpo da serea coa mirada frontal e desafiante e os cabelos mais ou menos estendidos, así como unha longa cola. Ten a particularidade, como ocorre noutros exemplos, de empregar dúas pedras para o escudo, unha delas exclusivamente para a cola. O outro motivo polo que se di popularmente que este é o escudo que inspirou a Castelao é que moi preto desta capela, no lugar se ergue o pazo de Manuel Viturro Posse, o famoso cacique local contra o que se enfrontou Castelao na súa mocidade. Tal e como contamos a semana pasada, este pazo foi finalmente adquirido polo Concello de Rianxo para o uso do pobo.

Escudo dos Mariño de Lobeira na capella do Patrocinio de Rianxiño / CC0

Pode que che interese...