fbpx
Tranvía de Verín - Cabreiroá / imaxe Concello de Verín

Cando Verín e Cabreiroá tiveron unha das primeiras liñas de tranvía de Galicia

Tempo de lectura: 4 min.

A primeira viaxe en tranvía foi en 1807 en Gales, cando a Oystermouth Railway comezou a usar carruaxes tirados por cabalos por unha liña sobre carrís. Foi o inicio do camiño de ferro no mundo mais tamén do tranvía propiamente dito. O novo sistema de transporte que posibilitaba a revolución industrial tiña dúas melloras moi notables fronte ós tradicionais coches de cabalos sen raís, un coeficiente de rozamento máis baixo entre roda e pavimento, neste caso carril, o que facía posible de feito arrastralo con menos esforzo, e a superficie completamente lisa dos raís, sen adoquíns nin pedras permitindo un confort interior que ata o momento nunca fora visto.

O tranvía tardaría relativamente pouco en chegar a cidades como Nova York en 1832, París en 1854, ou México, La Habana, Santiago de Chile, Río ou Bos Aires, onde se foron instalando entre 1858 e 1864. Converteríase daquela nun dos grandes protagonistas da mobilidades das grandes cidades do mundo permitindo con pouco esforzo mover grandes cantidade de xente por cidades xa daquela inmensas. A España chegaría en 1871 a Madrid, tan so un ano despois a Barcelona e Bilbao e unha década máis tarde a cidades como Málaga ou Cádiz. Mais o tranvía electrificado non comezou a funcionar en España ata 1897. A Galicia comezou a chegar precisamente neste co cambio de século, cando se crearon compañías en cidades como Vigo ou na Coruña na que se inaugurou no ano 1903.

Detalle do Cartaz da exposición / Concello de Verín

Mais os proxectos pioneiros do tranvía galego non estiveron so nas grandes cidades, senón que a comezos do século XX foi Verín, unha das cabeceiras de comarca da provincia de Ourense, illada aínda de todo sistema ferroviario, a que veu o inicio do tranvía na provincia. O inicio da explotación no ano 1904 do balneario de Cabreiroá, na época termal por excelencia de Galicia, foi o que propiciou a curiosa iniciativa, así como a ampliación do negocio co embotellado das Augas de Cabreiroá, fixeron que no ano 1908, se crease entre este núcleo termal e a vila de Verín un dos primeiros tranvías de Galicia, neste caso de tracción animal.

Percorría un itinerario de 2,4 km, dende as portas do Gran Hotel ata a rúa Laureano Pelaez da capital comarcal. Tiña instalacións de cocheira e cadras e unha única obra de fábrica que fora a ponte sobre o Ábedes. A duración do traxecto era de tan so dez minutos. A liña usaríase tanto para mercadorías da pranta de embotellado coma para os bañistas que se achegaban ás instalacións. Non se sabe a data exacta na que deixou de funcionar, mais, segundo os investigadores, podería ser cara 1930.

Detalle do Cartaz da exposición / Concello de Verín

Rememorando a liña

E é que foron dos investigadores da Asociación Carrileiros de Ourense, Manuel Boluda e Manuel Hernández os que se ocuparon de recuperar a memoria daquel pioneiro tranvía. Mais a iniciativa foi recollida pola Sociedade Antropolóxica Galega e máis polo propio Concello de Verín, e o pasado día 11 de abril se daban a coñecer nunha rolda de prensa unha serie de actos divulgativos que conmemoran o 110 aniversario da inauguración desta liña. Será unha exposición “110 Anos do Tranvía de Verín: Exposición conmemorativa” e unha charla conferencia “Un tranvía que fixo historia”, ambas organizadas pola biblioteca do Concello.

A exposición, que abrirá as súas portas o 24 de abril,ás 19:30 horas, faise un intenso percorrido pola historia deste medio de transporte urbano a través de distintos paneis que recollerán parte das investigacións feitas por Boluda e Hernández. A exposición poderá visitarse ata o 18 de maio. A conferencia, pola súa banda, será impartida o 27 de abril, ás 19:30 horas por Paco Boluda no Auditorio de Verín. Nela se explicarán os segredos daquel singular medio de transporte coa proxección de fotografías e planos orixinais da época, nun momento no que Cabreiroá foi un pulmón industrial para a comarca e a vila

Raís dun tranvía / foto hpgruesenCC0

O acto de presentación, que foi este pasado mércores, estiveron presentes, o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, o tenente de alcalde e voceiro do grupo de goberno, Diego Lourenzo e a concelleira de Cultura, Emilia Somoza. Tamén o secretario da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA), Miguel Losada, e Paco Boluda, que ademais de investigador é o presidente da Asociación Carrileiros de Ourense. Tal e como declaraba Diego Lourenzo, estes dous actos conmemorativos tratarán de “por en valor e evitar que non se esqueza esta parte tan relevante da nosa historia colectiva”, e máis que iso, como explicaba Miguel Losada, é preciso recuperar “aquel Verín que, dalgunha maneira, descarrilou dos tempos da historia e que pode volver a ser aquela vila pioneira, dinámica e moderna que era hai 110 anos”.

 

Presentación dos actos / Concello de Verín

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...