fbpx
Fonte da Burga, en Caldas de Reis / Youtube

A loita dos veciños que conseguiron que unhas augas termais de Caldas sigan sendo públicas

Tempo de lectura: < 1 min.

Levan anos loitando contra o Concello de Caldas, pero, desta volta, a xustiza está da súa parte. Un grupo de veciños denunciou ao consistorio municipal por intentar privatizar as augas dunhas termas de orixe romana. E o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de ditar un auto resolvendo o recurso de reposición interposto polo Concello e confirmando, por segunda vez, a negativa fronte a pretensión do concello de privar a Fonte da Burga do seu carácter público e veciñal.

Deste xeito, a intención do rexedor de converter esa fonte nunha poza termal queda paralizada. Unhas obras nas que xa levaba investido máis de un millón e medio de euros. O Auto do Tribunal vén a recoñecer que o dereito o aproveitamento que corresponde ao concello de Caldas é o cano da Fonte da Burga para uso público.

“O Concello como promotor e a Deputación Provincial como entidade que subvenciona as obras, ademais da Axencia de Turismo de Galicia que instalou a sinalización termal, terán que aclararlle aos veciños e cidadáns en xeral que carácter van ter as pozas, se serán simples piscinas de auga temperada”, apuntan desde Umia Vivo.

Tamén piden que se lles diga de onde van a conseguir a auga termal mineromedicinal. Así, lembran que a Consellería de Industria, como organismo competente para a cualificación das instalacións termais mineromedicinais, denegou de forma expresa tanto a construción dun pozo xunto a Fonte da Burga como a construción dun pozo na finca da tafona.

Por iso, desde esta entidade esíxenlle ao Concello de Caldas e á Deputación de Pontevedra que aclaren a tipoloxía das pozas que están construíndo e a auga que van a subministrar a ditas pozas.

Pode que che interese...