fbpx
Pés dun palafito / foto alsenCC0

Un grupo de arqueólogos afirma ter atopado un hórreo de máis de 2000 anos

Tempo de lectura: 2 min.

Un hórreo é unha construción típica de Galicia e do noroeste peninsular deseñada especificamente para o secado do millo. Como tal empregaríase en Galicia dende o seculo XVI momento no que alimentos como este ou as patacas chegaron dende América. Mais un hórreo é unha construción a xeito de silo, aireado e palafítico, é dicir elevado do chan por pés, e orientado de xeito determinado perante as correntes de aire. Está feito co obxectivo de protexer os produtos que nel se gardaban, tanto da omnipresente humidade galega como de animais como roedores.

Mais antes da chegada do millo os silos de estilo palafítico xa eran habituais dende a antigüidade en moitos lugares de Europa, especialmente en lugares que, como no caso de Galicia, estaban determinados por unha omnipresente humidade. Estes silos palafíticos previos á Idade Moderna, gardarían sobre todo gran de outro tipo de cereais, e poderían estar presentes en diferentes formas dende o Neolítico. A esta construción habitualmente se lle coñece como celeiros aéreos existindo en moitos lugares de Europa. O hórreo galego, porén, coa chegada do millo converteuse nunha tipoloxía arquitectónica propia e diferenciada.

Pois precisamente, tal e como recollía no día de onte a edición local de La Voz de Galicia de Ourense, un destes celeiros aéreos ou parafíticos atopouse nun xacemento arqueolóxico dun castro, convertíndose así, por tanto, no “hórreo” máis antigo coñecido de Galicia -xunto cunha estrutura similar no castro de Arxeriz, no Saviñao-. O achado atópase de feito no castro de Acea, entre os concellos de Baños de Molgas e Xunqueira de Ambía, nun xacemento arqueolóxico que se está escavando dende o pasado 3 de maio co financiamento dos dous Concellos. Segundo declaraban á publicación ós arqueólogos, o celeiro sería anterior á romanización polo que podería ser dos séculos IV ou III a.C.

Unha cabaña e un celeiro neolítico recostruídos en Campo Lameiro / foto Luis Miguel Bugallo Sánchez (Lmbuga) WikimediaCC0

 

 

 

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...