fbpx
Castro de Fornelos . Parroquia de Piñeira. Ribadeo / Humberto Palacios Pool (Mariña Patrimonio)

Patrimoniogalego.net acada un reto nunca visto en Galicia: 10.000 bens catalogados

Tempo de lectura: 3 min.

O petróglifo da Laxe da Presiña, en Gondomar, catalogado por Óscar Franco, acaba de converterse na ficha 10.000 de patrimoniogalego.net, o catálogo social do patrimonio cultural galego. O obxectivo inicial que se marcara o equipo que puxo en marcha o catálogo social do patrimonio galego xa foi acadado. Desde 2011 recolle milleiros de bens culturais de carácter inmoble repartidos por toda a xeografía galega e catalogados por decenas de voluntarios. Desde patrimoniogalego.net estímase que para realizar este traballo, catalogadores de todo o país percorreron máis de 200.000 quilómetros ao longo de Galicia. O equipo está a preparar actividades conmemorativas do fito acadado para os meses máis avanzados da primavera.

A partir do traballo de campo realizado polos catalogadores, un nutrido grupo de editores encárgase de revisar o material como paso previo á súa publicación na páxina. Seguindo este esquema, o inventario foise engrosando ano tras ano ata superar a día de hoxe a barreira dos cinco díxitos no número de elementos referenciados na totalidade dos concellos galegos.

Xeolocalización dos bens e app móbil

Todos os bens culturais incluídos neste catálogo en liña están xeolocalizados. Cada ficha inclúe as coordenadas xeográficas necesarias para dar co elemento en cuestión coa axuda dun navegador. En 2015 presentábase patrimoniogalego.net para Google Earth, unha ferramenta complementaria presente na web que permite empregar o catálogo en combinación cun sistema de información xeográfica, e proximamente darase a coñecer unha aplicación móbil que facilitará o uso in situ por parte dos usuarios. O propio servidor de patrimoniogalego.net ocúpase de converter a base de datos nun ficheiro KMZ, que é a estrutura de datos nativa de Google Earth. Isto fai que a web poida ser empregada como unha ferramenta de utilidade turística, posto que permite localizar os bens que se desexe visitar nunha excursión ou nunha escapada por calquera das comarcas do país. É máis, as fichas mesmo inclúen un apartado onde se advirte do grao de dificultade dos accesos aos bens culturais catalogados.


Laxe da Presiña Parroquia de Peitieiros. Gondomar / Oscar Franco

Arquivo fotográfico e fotogrametrías 3D

A día de hoxe figuran xa máis de 10.000 elementos xeolocalizados, dende castros a pazos ata petróglifos e mámoas, pasando por cruceiros, petos de ánimas igrexas ou hórreos, que constitúen os elementos máis comúns de cantos están presentes no catálogo. Todos contan con cadansúa ficha e cunha serie de imaxes asociadas, polo que o catálogo constitúe ademais un arquivo fotográfico de primeira orde, que mesmo permite a posibilidade de incorporar fotogrametrías 3D.

De feito, moitos dos bens culturais incluídos no catálogo poden ser ollados en tres dimensións, xa que os catalogadores elaboran modelos e incorpóranos ás fichas co fin de ofrecer unha representación pormenorizada. Deste xeito, sen necesidade de visitar os bens en persoa, os usuarios de patrimoniogalego.net poden achegarse aos monumentos catalogados para apreciar os detalles de preto e xiralos en calquera sentido a fin de contemplalos dende o ángulo desexado.

Máis dun cento de bens na lista vermella

Creado co soporte técnico de WordPress, patrimoniogalego.net é un catálogo social aberto á cidadanía, independente e sen ánimo de lucro. Ten como fin última a preservación do patrimonio cultural galego a través do seu coñecemento e posta en valor, polo de agora limitándose a inventariar bens de carácter inmoble. A tal efecto, o catálogo conta cunha lista vermella onde figuran os bens que se encontran en peor estado de conservación ou que mesmo corren perigo de desaparecer. A día de hoxe, este apartado conta con máis dun cento de bens en risco de se perderen para sempre.

Entre os colaboradores no equipo que puxo en marcha o catálogo patrimoniogalego.net participan unha serie de profesionais de diversas disciplinas, que decidiron sacalo adiante de xeito altruísta e desinteresado a partir da iniciativa do divulgador e profesor da USC Manuel Gago. O corpo de editores que supervisan as fichas dos catalogadores está formado por Elisa Amigo, Adela Oyonarte, Carmela Sánchez Arines, Pancho Gallego e mais Elixio Vieites, mentres que Álex Bragaña e Soledad Felloza integran o corpo de produción. Eladio Rial e Manuel Gago encárganse do deseño e do mantemento da web, cuxo hosting é xentileza da Dinahosting. Os xornalistas Xurxo Salgado e Félix Aragunde, pola súa parte, son os responsables da comunicación deste catálogo en liña que vai camiño xa dos 20.000 bens incorporados.

Pode que che interese...