As denuncias de eucaliptización comezan a facer efecto
No mes de setembro comuniquei ao Servizo do Patrimonio Cultural na Coruña unha plantación recente de eucaliptos sobre as mámoas catalogadas, tal e como publicou Historia de Galicia, do Penedo Gordo e número 2 do Castelo, na parroquia de San Fiz de Monfero. Ao mesmo tempo informei da localización dun novo enterramento con restos de cámara nas inmediacións da primeira, tamén con eucaliptos sobre o túmulo, para que procederan á súa catalogación.
No mes de outubro chamáronme da Policía Autonómica para aclarar algunhas cuestións relativas ás agresións.
Pois ben, o día 20 de novembro visitei as mámoas e, para a miña sorpresa, agradable neste caso, comprobei que os eucaliptos foran retirados, non quedando rastro deles. E non só iso, tamén retiraron os da mámoa que estaba sen catalogar. Rapidez e eficacia. Así, dá gusto.

Mámoa de Penedo Gordo, en Monfero, sen eucaliptos / Xabier Moure