fbpx
Mámoa desfeita en Oza-Cesuras por maquinaria pesada ano e medio despois de sufrir outra agresión / Xabier Moure

A mámoa arrasada por eucaliptos nun camiño prehistórico que levaba desde Lugo a Brigantium chega ao Parlamento

Tempo de lectura: 2 min.

Maquinaria pesada agrícola provocou danos severos nunha mámoa no Monte do Gato, na parroquia de Rodeiro, en Oza-Cesuras. Era a segunda vez que isto acontecía no espazo de dous anos, como xa relatou Historia de Galicia.  Unha desfeita  que, desta volta, acabou no Parlamento Galego.

Estes túmulos están datados antes do ano 2500 a. C. e forman parte dunha agra de túmulos do Montes do Gato. Están situados nun camiño prehistórico que levaba dende Lugo cara Brigantium..

“Tivemos coñecemento dunha denuncia presentada diante do servizo de patrimonio cultural da Xunta de Galiza polos danos causados nunha mámoa situada no Monte do Gato, na parroquia de Rodeiro no Concello de Oza-Cesuras”, explicou a voceira nacionalista do BNG neste concello, Estefanía Busto. “Estas alteracións producíronse pola actividade de vehículos pesados para acondicionar a parcela para unha plantación de eucaliptos…Trátase dunha zona de alto valor arqueolóxico e queremos saber que medidas vai tomar a Xunta de Galiza para garantir a súa conservación e posta en valor” demandou.

“O monte do Gato, entre os concellos de Oza-Cesuras e Coirós, alberga un patrimonio de alto valor arqueolóxico e está nun estado de abandono lamentábel e completamente descoidado, o que permite este tipo de episodios. Pensamos que o noso patrimonio é unha oportunidade para o noso concello ademais de ser un resto do noso pasado que nos permite saber de onde vimos e polo tanto ten un valor incalculábel”, engadiu Busto.

Agresión a unha mámoa en Oza Cesuras con maquinaria pesada / Xabier Moure

Discusión no concello

Antes de chegar ao parlamento, o grupo nacionalista xa trasladara este tema ao Pleno do concello, pedindo información ao goberno local das actuacións que levara a cabo para defender este ben patrimonial. “Aínda que a competencia sobre o patrimonio é da Xunta de Galiza, que é quen ten que velar polo cumprimento da normativa sobre os bens arqueolóxicos, polo que demandamos tamén que se aplique a normativa e se multe ás persoas responsábeis de esta e calquera agresión contra o patrimonio é obriga do goberno local trasladar estes incumprimentos da lei á Xunta e velar pola protección do noso patrimonio”, concluíu Busto.

Pode que che interese...