fbpx

SOS para o Casal de Vilaverde, un pazo de 500 anos ameazado pola vexetación e os espolios

Tempo de lectura: < 1 min.

A maleza e os espolios son os principais inimigos do Casal de Vilaverde, un pazo do s.XVI que se esconde preto do hospital Montecelo en Mourente, Pontevedra. Os 500 anos de historia que se agochan entre as súas paredes non son quen de deter saqueos, estragos e unha vexetación que gaña terreo.

As primeiras referencias que se atopan do pazo fan referencia á compra da propiedade por parte do rexedor de Pontevedra, Tristán de Montenegro Cruu y Figueroa, no 1528, e foi co gobernador de Tui, Juan de Montenegro, cando a propiedade viviu o seu maior esplendor. Datan desta época algúns escudos que decoran o pazo. Porén, a partir de 1832, como sinala o presidente da Asociación de Xenealoxía Heráldica e Nobiliaria de Galicia, Carlos Acuña, a Lei de Morgado fixo que moitos propietarios perdesen as súas rendas, se arruinasen, e con eles as súas propiedades.

O Casal de Vilaverde non é unha excepción entre o declive dos pazos galegos, e mostra diso é o actual estado do complexo, que evidencia o seu abandono. No 2004 denunciouse a desaparición de diferentes obxectos de valor do interior da propiedade e o complexo tamén é vítima de actos vandálicos.

Porén, a finca de 77 hectáreas na que se atopa o pazo agocha tesouros singulares, como poden ser unha fonte octogonal do s. XVII, un escudo de armas duns 450 anos que representa as diferentes liñaxe ou un hórreo de seis metros de altura que Acuña describe como “singular”.

O valor histórico do lugar e das diferentes pezas que nel se atopan fan que a Asociación de Xenealoxía Heráldica reclame unha maior protección do lugar, por ser patrimonio histórico, algo que comparten moitos pazos en Galicia, como explican dende a asociación. Máis información en Diario de Pontevedra.

Pode que che interese...