fbpx
Castro de Chavaga, en Monforte, arrasado por maquinaria pesada que traballou nel para recoller madeira / En Marea

Maquinaria pesada arrasa un castro en Monforte para recoller madeira

Tempo de lectura: 2 min.

Un castro, desta volta o da Coroa, en Chavaga, Monforte de Lemos, quedou arrasado logo do continuo paso de maquinaria pesada para recoller madeira que ardera nos incendios de outubro do ano pasado. Así o comprobaron a eurodeputada galega Lídia Senra, e a deputada de En Marea no Parlamento Galego, Paula Verao, este mércores.

Esta maquinaria pesada abriu pasos para poder acceder á cima do castro, desfacendo mesmo muros de pedra deste xacemento castrexo. Ante tal situación, tanto a eurodeputada como a parlamentaria galega teñen previsto presentar nos próximos días un escrito ante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, reclamando responsabilidades e pedindo que se investigue o posible alcance dos danos.

A eurodeputada galega Lídia Senra, e a deputada de En Marea no Parlamento Galego, Paula Verao, falan con veciños de Chavaga que lles explican como maquinaria pesada danou un castro / En Marea

Así mesmo, solicitarán os permisos pertinentes que a Consellería debe conceder para actuacións como cortas, remoción de terras ou repoboacións forestais nas contornas de protección. Lídia Senra e Paula Verao critican a deixadez da Administración e permisividade que adoita ter cos intereses das madeireiras, aínda que sexa a costa de destruír o territorio. Neste sentido, lembran como a destrución de bens patrimoniais e de xacementos arqueolóxicos na provincia de Lugo é unha constante e reclaman unha actuación urxente e contundente contra estas prácticas.

Chegará á UE

Así mesmo, Lídia Senra ten previsto presentar un escrito na Comisión Europea denunciando a situación que se está a producir en Chavaga. “Este 2018 está a ser o Ano Europeo do Patrimonio Cultural e unha das responsabilidades da UE é velar pola conservación e desenvolvemento do patrimonio cultura europeo. A UE ten que saber que na Galiza, coa complicidade da Administración, se está a destruír día si e día tamén patrimonio galego, e debe actuar para parar isto”, reclamou.

Neste sentido, a europarlamentaria lembrou o acontecido esta semana na catedral de Santiago. “A mesma contundencia de denuncia pública e rexeitamento que tivo este feito debe telo tamén o deterioro que están a provocar nos castros dos montes e no patrimonio arqueolóxico rural a diario as empresas madeireiras. É patrimonio cultural igual de importante e aquí o dano fano empresas coa compliciade das Administracións, o cal aínda é máis grave”, defendeu.

Pola súa banda, Paula Verao tamén presentará varias iniciativas no Parlamento Galego referidas á situación de perigo e deterioro do castro de Chavaga. “O desleixo da Xunta con respecto aos castros da provincia de Lugo é unha constante, permitindo destrozos por parte da industria da madeira, nunha insostible situación de descoordinación entre as distintas Consellerías da Xunta implicadas, os Concellos, Seprona e as forzas e corpos de seguridade”, afirmou.

Lidia Senra, Paula Vázquez Verao e varios veciños comproban como quedou o castro de Chavaba tras o paso de maquinaria pesada / En Marea

Pode que che interese...