fbpx
Illa de Ons / Turgalicia

Ons, outro paraíso natural e turístico que comeza a sufrir os efectos da turistización

Tempo de lectura: 2 min.

A gran demanda de visitas ás illas Cíes está a ocasionar que se desvíen visitantes á illa de Ons para non exceder a cota de 2.200 persoas/día fixados para o arquipélago vigués. Deste xeito, a asociación ecoloxista Verdegaia avisa de que

Os efectos da turistización xa chegaron tamén a Ons. E o certo é que as illas galegas, tanto as grandes como as pequenas, comezan a sufrir un andazo que pode poñer en perigo o seu valor natural, patrimonial e paisaxístico. Ons está soportando unha carga de visitantes de ata 4.000 persoas/día, excedendo en grande medida as 1.800 previstas no borrador do Plano Reitor de Uso e Xestión (PRUX) que a Xunta de Galicia e a Dirección do Parque Nacional levan xa 15 anos sen aprobar.

Por iso, Verdegaia alertou xa das “consecuencias nefastas” que isto ocasiona para a conservación dos valores naturais e para a seguridade das persoas. “O control do exceso da cota de visitantes nas illas Cíes ten que contar cunha visión integral que abranga todos os arquipélagos do Parque Nacional e que pase pola aprobación do PRUX, xa que este é o documento que rexe os usos que se poden levar a cabo no espazo protexido”. Esta é a solución que Verdegaia ve necesaria. Calquera outra – din – será “insuficiente”, xa que esa previsión de cota, sen estar ese documento aprobado, non ten ningunha validez legal.

Castro nas illas Ons / Más que petroglifos

Capacidade da carga ecolóxica

Ademais, Verdegaia critica a capacidade de carga establecida nese documento – 1.800 persoas/día – á vista dos resultados dun estudo realizado pola propia Xunta no que se indica que a capacidade de carga ecolóxica non debería superar as 896 persoas/día. Aínda así, segundo o propio estudo, pódese superar a capacidade de carga ecolóxica citada só con que unha de cada dúas persoas que visite a illa vaia ás praias simultaneamente.

Garartir a debida conservación dos ecosistemas costeiros que, ademais, albergan hábitats catalogados como prioritarios na Directiva 92/43/CEE” debe ser, segundo a asociación, prioritario. Por iso esixe unha rebaixa na cota ata 1.200 visitantes/día. Así mesmo, lembra que o Movemento Ecoloxista leva máis dunha década solicitando, tanto á Dirección do Parque Nacional como á Consellaría de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, que se cumpra a Disposición da Lei 15/2002 que contén que “no prazo dun ano se elaborará o plano reitor de uso e xestión (PRUX) do Parque Nacional”.

Deste xeito, o PRUX tiña que ter sido aprobado o día 3 de xullo de 2003. Malia as insistentes peticións, non se chegou a aprobar este documento. Polo tanto, a regulación das actividades que se levan a cabo neste espazo protexido -ao carecer deste documento- realízase sen a planificación axeitada e incumprindo a lei de declaración do Parque Nacional. “Só a neglixencia máis absoluta pode explicar que a estas alturas aínda careza dun plano que regule a súa xestión“, mantén Verdegaia.

Pode que che interese...