Como é ser guía oficial de turismo en Galicia
Quen é, como é e de que vive un guía oficial de turismo en Galicia?. A profesión para a que se require un título homologado vive momentos difíciles pola proliferación dos chamados “free tours”. O certo é que pouco ou case nada se sabe desta profesión entre a maioría. Hai quen pensa neste colectivo como persoas que viven desta profesión e o resto do ano, que? “Realmente é unha profesión estacional que se usa como complemento con outras actividades” di Diego Lamas, responsable de APIT, Asociación Profesional de Guías Turísticos de Galicia, nunha interesante reportaxe en Galicia Confidencial.
O maior número de guías turísticos está traballando baixo o RETA, Réxime de Traballadores Autónomos. “As tarifas varían, poden ser por medio día ou día enteiro segundo o grupo” segundo apunta Diego Lamas “o caso é que se por exemplo nun día se fan 100€, é moi posible que coas retencións acabes con 60€”.
No caso de Galicia boa parte das persoas que exercen esta profesión son licenciados e licenciadas en carreiras con coñecementos de historia e arte, ademais de haber tamén xente que se formou en linguas estranxeiras. Estas persoas tiveron que superar unhas probas para traballar como guías e así ter unha acreditación que lles permitía seren contratados e contratadas como tal. Esta acreditación era expedida pola Xunta, tamén a día de hoxe, pero coa diferenza de que primeiramente era unha acreditación que había que renovar cada certo tempo. Hoxe en día existe a formación en Turismo e a acreditación é un documento permanente, exento de renovación.

O guía turístico Suso Martínez diante da Casa da Troia / Vía Láctea
Liberalización do sector
“Hai un proceso de liberalización dentro do sector que parece ser a tendencia en todo o estado” asegura Diego Lamas. Nese sentido o exemplo é Madrid onde si está completamente liberalizado o sector, “alí por exemplo os guías negocian co edificio, co monumento para levar xente”. A tendencia á liberalización sería a acreditación para exercer de guía en calquera parte do estado.
“O primeiro en perderse sería a especialización en Galicia, no noso caso”, pois a habilitación que lle permite a unha persoa facer de guía en Compostela, permitiríalle realizar o mesmo labor en Andalucía, por exemplo. Por tanto, o temor á perda da especialización en determinados temas, circuítos e espazos levaría canda si unha baixa na calidade dun servizo demandado ás veces por turistas esixentes.
Outros problemas
Pero quizais, o principal problema, é o dos chamados “free tours“. Ese choque entre o turismo de andar por casa e o profesionalizado dase, principalmente, en Santiago. “Realmente non hai turismo tal como se entende este fenómeno” di Diego Lamas. A cuestión é que os visitantes da cidade, peregrinos maioritariamente, son persoas que non buscan a visita guiada. “Os peregrinos non son clientes” que busquen a explicación ou a guía sobre este ou aquel edificio, monumento ou lugar concreto, di Lamas. Os peregrinos solicitarían en tal caso os servizos de guía se quixesen ir a lugares como Fisterra.
Aos clientes de nivel medio-alto “non lles parece caro contratar o servizo de guía” asegura Diego Lamas que tamén apunta “as visitas individuais que logo buscan unirse a un grupo porque así lles resulta máis económico”. A maior parte destas persoas son xente que buscaría apuntarse a visitas non só a espazos dentro das cidades senón lugares a certa distancia das mesmas. Podes ler toda a reportaxe no GC.