Mapa de distribución das explotacións auríferas do Noroeste en relación ás vías romanas. En sombreado amarelo a zona da Via Nova estudiada por Óscar Pazos Rodríguez

Cando a Gallaecia se converteu na gran mina de ouro do Imperio romano

Cando en 1835 o xeólogo alemán Wilhelm Schulz rematou a súa Descripción Xeognósica do Reino de Galicia, na que se incluía o primeiro mapa xeolóxico do país, deu conta e mesmo cartografou unha chea de ‘lavadoiros antigos’ espallados por toda Galicia, que o alemán identificou sen dúbidas coma as pegadas da minaría romana do ouro. Schulz, coma antes Cornide e outras xentes ilustradas, recoñeceron nas grandes covas e entullos mineiros as pegadas daqueles ‘traballos de Titáns’ que o romano Plinio describira ó falar da minaría do ouro na Hispania, unhas angueiras que procuraban a ‘ruina dos montes’ e a ‘destrucción da natureza’ para sacar o ouro, pois que ‘ningún lugar do mundo mantén de tantas xeracións atrás tal fertilidade’.

Mapa de Guillermo Shulz coa Descripción Xeognósica do Reino de Galicia no que aparecen xa ilustradas as principais zonas mineiras do país

A extensión e intensidade de traballos mineiros antigos que atopamos en Galicia e nas áreas veciñas do que chegaría a ser a provincia da Gallaecia no século III é abraiante, e a maioría das minas apenas están estudadas. De feito, houbo que esperar ate este século XXI para que o grupo de investigación do CSIC de Sánchez-Palencia fixera a primeria actualización do traballo pioneiro de Schulz cunha cartografía xeral das minas antigas de ouro coñecidas no NO da península. O mapa do CSIC ven suliñar a impresión que se tira de ler a Descripción Xeognósica de Schulz, que é que os galaico-romanos acadaron os límites xeolóxicos e económicos na procura do ouro.

Cando un se mete a estudar polo miudo estes traballos o que se mira confirma que os galaico-romanos non deixaron pedra sen voltar na súa busca. A carón das meirandes laborías outras miúdas espállanse polas zonas mineiras dando continuidade a traballos que cubren as formacións xeolóxicas de parte a parte. Amais das cavadas mineiras, atopamos traballos de exploración que nalgúns casos acadan tales dimensións que foron confundidas coas minas de seu. As infraestruturas hidráulicas para a captación de auga adáptanse as condicións do xeolóxicas e climáticas locais e constituen traballos de importancia semellante as propias minas, sendo nalgúns casos confundidas tamén coas laborías mineiras de seu. De feito, o estudo polo miudo das minas está a comezar e en moitos casos a súa interpretación resulta aínda moi problemática.

Recreación dunha mina romana na antiga Gallaecia / mineriaromana.blogspot.com

As grandes minas do sur de Galicia

Por exemplo, en A Garda, na foz do Miño, as minas de As Covas e A Regueira de Constantina ou en Gondomar a mina de As Fundas de Sarmiento, as tres disque de ouro, cavan nun granito maniño de ouro segundo o actual coñecemento xeolóxico. Inda por riba, nas ribeiras do río Tea, que aflúe ó Miño por Salvaterra, as pegadas mineiras sucédense na teoría minando os sedimentos deste río, malia que estes sedimentos sexan tan contados que nin están cartografados nos mapas xeolóxicos.

Os problemas para a correcta identificación e interpretación das minas de ouro no NO de Hispania danos conta do moito que queda por investigar da minaría galaico-romana, mais o feito incontestable é que este foi un acaecemento económico e social de primeira magnitude que veu coincidir no espazo e tempo coa definitiva romanización do mundo castrexo e a súa integración e asimilación no Imperio Romano. O que neste libro se trata, amais das cuestións mineiras de seu, é a pechada relación da minaría do ouro coa constitución da Gallaecia dentro do Imperio e a súa singularidade política, que deu en afacer desta provincia o primeiro reino occidental independente de Roma e a única provincia do Imperio que segue a manter, vinte séculos após da súa creación, entidade xeográfica, política e administrativa.

 

Título: A invención da Gallaecia e a minaría do ouro. Unha tese sobre as orixes de Galicia

Autor: Oscar Pazos Rodríguez

Características: 189 páxinas. 87 fotografías. 48 mapas e figuras.

ISBN 978-84-942825-9-1. Aterra Libros. Vigo. 2018. (autoeditado)

Prezo: 18 euros.

Á venda en librarías: Cartabón (Vigo) , Andel (Vigo), Iris (Tui), Follas Novas (Santiago)

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: