fbpx

Coñece a historia do primeiro cairn de Galicia

Tempo de lectura: 2 min.

O pasado 18 de xullo comezaban no alto da Serra do Moncai as escavacións no xacemento inédito da Muradella, unha estrutura circular de 16 metros da que se descoñecía función e data de construción. Entre as hipóteses atopábanse que fose unha mámoa neolítica ou unha fortificación medieval, pero despois de máis de dez días de traballo, os investigadores xa sen atreven a confirmar que se trata dunha construción megalítica de tipo cairn.

“Comecei a ter claro que se podía tratar dun monumento prehistórico cando introducín os datos no sistema de información xeográfica”, explica o arqueólogo que dirixe o proxecto, Rodrigo Paulos. “Nese momento decateime de que todas as necrópoles prehistóricas da comarca estaban conectadas visualmente con A Muradella, pero sempre a unha posición inferior e respectando a xerarquía de altura deste sitio”, explica nun artigo de Cultura Galega.

Entre as diferentes cuestións que apoiaban esta hipótese atopábase a súa localización, pois dende alí eran visibles todos os megálitos documentados nun radio de 15 kilómetros, así como a posibilidade de control do lugar. Porén, a súa constitución, integramente de pedra, distaba moito do resto de mámoas da contorna, formadas por terra cunha cuberta exterior de pedra.

É por iso que apareceu a posibilidade de que fose unha construción de tipo cairn, uns megálitos comúns en Irlanda e na Bretaña Francesa. Trátase de monumentos anteriores aos dolmenes de cámara, frecuentes en Galicia, e que están completamente formados por pedra.

 

UN MURO E UN POBOADO NEOLÍTICO ESCONDIDOS

Na sondaxe valorativa que se realizou durante o mes de xullo atoparon un elemento que non se distinguía a simple vista: un muro que parece soster o peso das pedras exteriores do anel. Ademais, unha diferente coloración do solo no interior de dito anel podería indicar unha antigüidade maior da que se supón. Para iso, colaborarán co Instituto de Ciencias de Patrimonio do CSIC (Incipit), pois os achados de material cultural non axudan a determinar unha cronoloxía da construción megalítica. “Entre o solo de dentro e o solo de fóra pode haber miles de anos de diferencia, neses centímetros”, explica o líder das investigacións, o doutor Xurxo Ayán Vila.

A través do uso dun gradiómetro, tamén se detectaron outras estruturas subterráneas preto da construción megalítica, e que apunta a posibilidade de ser un poboado neolítico. “Aínda que en Galicia non son moi coñecidos, cada vez temos máis claro que ao carón das necrópoles neolíticas estaban tamén os hábitats dos vivos”, explica Paulos. Na inspección, detectouse unha estrutura circular con dous foxos.

Ademais, os arqueólogos tamén sinalan que o que podería ser o primeiro cairn de Galicia fose expoliado, violación que condicionou a forma na que se atopa hoxe a construción, en forma de anel. Porén, a diferencia do que pasou con outras escavacións, principalmente no s.XVII, coa febre dos espolios, A Muradella puido sufrir esa incrusión nunha época anterior, na Idade de Ferro ou na época romana.

Aínda que as incógnitas arredor da Muradella seguen a ser moitas a información da que se dispón ata o de agora, apuntan á importancia do monumento, dunha tipoloxía non escavada ata agora en Galicia, máis tamén ás novas posibilidades que este descubrimento pode achegar no ámbito do megalitismo en Galicia. “O cairn da Muradella, coa súa posición central e principal no val de Lemos, achéganos de maneira privilexiada ao universo cultural e de crenzas das xentes da Prehistoria”, comenta Rodrigo Paulos. O arqueólogo non descarta que, ao igual que pasou coa Muradella, que se mantivo no descoñecemento durante centos de anos, pasase algo parecido con outras construcións no territorio galego. Máis información en Cultura Galega.

Pode que che interese...