fbpx

O misterio arredor da Muradella: unha fortaleza medieval ou unha construción castrexa?

Tempo de lectura: 2 min.

Entre a Pobra do Brollón e Monforte, no alto da Serra do Moncai, atópase o que se coñece como o xacemento inédito da Muradella. Cunha estrutura circular dun diámetro de 16 metros, esta construción non fora estudada. Agora, unha nova escavación busca despexar as incógnitas arredor do xacemento de Fornelas, comezando pola súa funcionalidade e datación.

Dende o 18 de xullo, a primeira aproximación arqueolóxica no lugar buscará dar resposta as diferentes incógnitas, entre as que se atopa a tipoloxía da construción. As primeiras hipóteses sinalan ou ben a unha mámoa neolítica de tipo cairn ou a unha fortificación medieval   coñecida como castronela. As investigacións son lideradas polo doutor Xurxo Ayán Vila, da Universidade Nova de Lisboa, mentres que o arqueólogo Rodrigo Paulos Bravo dirixire o proxecto.

“Nada sabemos do modelo de ocupación do territorio na Prehistoria Recente nin existen referencia sobre xacementos na Serra do Moncai, por falta de investigación, ata o momento”, explican no proxecto de actuación. É por iso que se trata dunha investigación inédita que aportará nova información sobre o lugar. Ata o de agora, só no 1997 se fixo mención ao xacemento, nun primeiro recoñecemento científico do lugar desenvolto por Ayán Vila.

A Muradella trátase dun microtopónimo presente no lugar e que, polo xeral, fai referencia a xacemento tardoantigos ou medievais. Porén, na contorna da parroquia de Fornelas non existe tradición oral que relacione o lugar cun xacemento. Ao igual que o topónimo O Castelo, que tamén está recollido no lugar, ambos nomes poden ser unha referencia á estrutura medieval, hipótese que se ve reforzada pola localización, pois atópase nun lugar dende o que se podían controlar os recursos da zona, así como as vías de paso e as diferentes poboación, algo que teñen en común as construcións medievais.

Pola contra, a planta circular do xacemento difire das castronelas medievais, e estas adoitan ter estruturas defensivas como fosos ou parapetos e non se atopan en cumios de serras, algo que non comparte a construción que se atopa na Pobra do Brollón. É por iso que se abren outras hipóteses como a posibilidade de que sexa unha construción megalítica de tipo cairn, que como explica Paulos Bravo se atopan en lugares como Irlanda ou a Bretaña francesa.

A visibilidade do lugar é unha das características na que se apoia a hipótese de que se trata dunha mámoa de tipo cairn, pois dende a Serra de Moncai son visibles todos os megálitos documentados nun radio de 15km, e unha elevada porcentaxe dos que se atopan a 30km de distancia. Sería de tipo cairn, algo pouco común en Galicia, porque está construído integramente de pedra, ao contrario que o resto de megálitos da contorna, que presentan unha cuberta exterior de pedra, mais no seu interior hai pedra.

Nestas primeira aproximación, levaranse a cabo traballos de limpeza do lugar, no que se atopa abundante vexetación, para abrir posteriormente unha franxa valorativa. Esta, que despois da intervención será tapada, será a antesala a unha segunda escavación prevista para o próximo ano. Polo de agora, prevese que os resultados desta primeira intervención se coñezan nas primeiras semanas de agosto, despois do tratamento dos materias arqueolóxicos atopados e a redacción do informe valorativo.

Independentemente dos resultados e da tipoloxía do xacemento , o arqueólogo Rodrigo Paulos Bravo apunta á importancia arqueolóxica e histórica do lugar. “Estou seguro que de vai ser un descubrimento excepcional, porque esta estrutura é algo excepcional neste territorio”, conclúe.

Pode que che interese...